O programa Feder Galicia 2014-2020 seleccionou o ano pasado 1.424 operacións por case 323 millóns de euros

Supón un incremento do 42% de operacións en relación ás aprobadas o ano anterior

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2021

O programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia FEDER 2014-2020 aprobou o pasado ano un total de 1.424 operacións, por un importe 322,8 millóns de euros, o que supón un incremento do 42% sobre as operacións aprobadas en 2019.

Así se puxo de manifesto na reunión que vén de celebrar o Comité de Seguimento do Programa Operativo de FEDER Galicia, onde se deixou patente que o obxectivo destas actuacións é consolidar o progreso autonómico cun modelo de crecemento intelixente, sustentable e integrador, en liña coa Estratexia Europa 2020 e contribuír a reactivar a economía.

En concreto, no ámbito do eixe 1 –centrado na investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación– destacan as operacións relacionadas con proxectos de investigación e innovación liderados por centros de investigación punteiros das tras universidades galegas, así como con empresas innovadoras e centros tecnolóxicos.

No eixe 2 -para a mellora do uso e calidade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e o acceso ás mesmas- achegáronse investimentos en infraestruturas de soporte á e-administración, así como nos eidos da sanidade e da administración xudicial electrónica.

Desde o inicio do programa operativo, máis de 345.000 persoas poden relacionarse na súa vida cotiá cos servizos públicos por medios dixitais. En 2020 tamén se fixo un gran esforzo na adquisición de equipamentos para posibilitar a educación dixital.

Xa no eixe 3, concedéronse máis de 2.400 axudas a empresas para mellorar a súa competitividade, innovación e dixitalización. Destacan neste apartado as convocatorias no ano 2020 para apoiar ás pemes que reorientaron a súa produción para fabricar elementos de protección como máscaras ou xeles.

No eixe 4 –destinado a favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores– continuaron as actuacións de mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos e o acondicionamento de 40 sendas ciclistas ou peonís.

Por outra banda –no eixe 6, de conservación ambiental-, rematouse a mellora dos sistemas de saneamento da Ría de Arousa-Boiro, Rianxo e da Ría do Burgo e, entre outras, actuouse tamén na recuperación e limpeza de puntos de vertidos incontrolados e na conservación do patrimonio natural e cultural.


Comité de seguimento

Todos estes datos presentáronse no Comité de seguimento do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 correspondente ao pasado exercicio celebrado de xeito telemático. Por parte da Xunta de Galicia presidiu a reunión, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó; así como representantes do Ministerio de Facenda e da Comisión Europea. Participaron igualmente representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia.