Xunta e Bioga colaborarán no desenvolvemento de iniciativas en Galicia que axuden na captación de novas empresas biotecnolóxicas

A Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida buscan consolidar o papel do sector biotecnolóxico en Galicia con medidas como o programa Lonxa de talento, que facilitará ao tecido industrial de recente creación a posibilidade de acceder a persoal de alta cualificación

O Goberno galego e Bioga deseñan a nova Estratexia de impulso da biotecnoloxía 2021-2025, despois de que a anterior folla de ruta permitise nos cinco anos anteriores duplicar o número de compañías biotecnolóxicas na Comunidade
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2021

A Xunta de Galicia vén de aprobar o desenvolvemento dun convenio de colaboración co Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) para levar a cabo novas actuacións que permitan consolidar o papel do sector biotecnolóxico galego a nivel empresarial. Neste sentido, están dando forma á nova Estratexia de impulso da biotecnoloxía 2021-2025 –que se presentará a semana que vén–, contribuíndo deste xeito a posicionar Galicia neste ámbito.

En concreto, o convenio entre a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)– e Bioga permitirá a Galicia gañar en competitividade a nivel de xestión de bioempresas e desenvolvemento de negocio de produtos e servizos innovadores, así como a creación dun biopolo capaz de atraer a grandes empresas do eido biotecnolóxico.

Entre as medidas que se prevén realizar a través desta colaboración entre Gain e Bioga, ademais de apoiar o desenvolvemento da Estratexia de impulso da biotecnoloxía 2021-2025, está a posta en marcha dunha plataforma para o posicionamento e visibilización do sector, adaptando todos os medios do ecosistema biotech ás novas ferramentas e formatos dixitais para poder executar os plans de posicionamento correctamente.

Xunta e Bioga tamén teñen previsto a creación dunha rede de mentores especializada en biotecnoloxía e o desenvolvemento do programa Lonxa de talento, para facilitar ás empresas de recente creación e procedentes da transferencia de coñecemento das universidades o acceso a persoal de alta cualificación. En concreto, esta iniciativa axudaralles a detectar e potenciar o talento de alta dirección como garante para descubrir novas maneiras de mellorar, potenciar e consolidar a vida das empresas biotech a medio prazo.

Dentro do convenio de colaboración, tamén se comprometen a levar adiante medidas para dinamización de instrumentos de apoio en materia de financiamento para o sector e a dispoñer dun mapa de capacidades para coñecer o estado actual das diferentes entidades que operan no ámbito biotecnolóxico. É o caso de grandes empresas que están a desenvolver proxectos biotecnolóxicos en Galicia.

Para a execución do convenio con Bioga, o orzamento previsto é de 546.750 euros, dos que Gain achega o 83,4%. Nesta iniciativa, tamén se conta coa participación doutros departamentos da Xunta de Galicia –como as consellerías de Sanidade; Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Mar; e Medio Rural–, así como de máis de 50 axentes entre empresas, organismos e centros de investigación e universidades.

Vantaxes para os sectores agroalimentario, medioambiental e da saúde

O sector biotecnolóxico é unha área prioritaria de I+D+i para a Xunta polo seu carácter estratéxico no desenvolvemento económico e social de Galicia. Por iso, ante as altas expectativas de crecemento, a competitividade resulta clave para aplicar os beneficios deste campo no impulso doutros sectores estratéxicos como o agroalimentario, o marítimo, o medioambiental ou o da saúde.

Neste contexto enmárcase o convenio de colaboración con Bioga e o traballo feito pola Administración autonómica a través da Estratexia de impulso da biotecnoloxía 2016-2020, que contribuíu a duplicar o número de empresas vinculadas a este sector en Galicia, ata acadar as 127 compañías, que dan emprego a preto de 1900 persoas.