A Xunta activa unha intervención de emerxencia para atender as necesidades máis inmediatas da poboación da franxa de Gaza

O obxectivo é protexer os fogares máis vulnerables e os que teñen dificultades para acceder a alimentos no marco das hostilidades bélicas e nun contexto de emerxencia sanitaria derivada da covid-19

A axuda tramitarase en colaboración coa ONGD Farmamundi, coa que a Xunta colabora desde o ano 2009 cun investimento de case 700.000 euros en actuacións de carácter humanitario
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2021

A Xunta vén de activar unha intervención de emerxencia para atender as necesidades máis inmediatas da poboación da Franxa de Gaza e protexer os fogares máis vulnerables e os que teñen máis dificultades para acceder a alimentos no marco das hostilidades bélicas e nun contexto de emerxencia sanitaria derivada da covid-19.

A Franxa de Gaza e Cisxordania son coñecidos como os Territorios Ocupados de Palestina, tal e como o estableceron as Nacións Unidas na súa Resolución 242 do Consello de Seguridade en 1967. Ademais da situación de ocupación, Gaza leva décadas padecendo un bloqueo internacional e sufrindo ofensivas e ataques militares. O territorio, de apenas 360 quilómetro cadrados, alberga a máis de 1,9 millóns de habitantes segundo os últimos datos da ONU, o que converte á Franxa na zona do planeta con maior densidade de poboación.

Dúas circunstancias teñen agravada a xa precaria situación que se vive na Franxa: a pandemia pola covid e a escalada de violencia das últimas semanas, que provocou que o número de desprazamentos internos aumentase e que, nestes momentos, 17.000 persoas busquen refuxio. Ambas situacións, xunto co bloqueo, potencian a vulnerabilidade alimentaria da poboación. Neste contexto, máis de 1,5 millóns de persoas requiren de protección humanitaria, o que supón o 80% da poboación de Gaza.

A intervención, en colaboración coa organización Farmamundi, deseñouse partindo de dous obxectivos: protexer os medios de vida dos fogares vulnerables e restaurar a súa seguridade alimentaria e a súa capacidade produtiva, así como apoiar os fogares que sofren dun acceso limitado aos alimentos e a oportunidades de ingresos para poder satisfacer as súas necesidades alimentarias básicas.

A intervención de resposta humanitaria proposta é froito do proceso de diagnóstico realizado por Labour Resources Center (socia local de Farmamundi na zona) e terá alcance nas cinco provincias que conforman o territorio, nos campamentos de Jabalia, Ao-Shati, Nuseirat, Khan Yunis e Rafah. O proxecto prevé a distribución de 145 cestas nutricionais entre a poboación identificada en situación de maior vulnerabilidade, beneficiando directamente a 873 persoas en tres meses. A composición dos kits tomará en consideración elementos culturais e a capacidade de conservación dos fogares onde a falta de subministración eléctrica, con especial atención ás necesidades da poboación infantil.
Dende o ano 2009 ata agora a Xunta asinou doce convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por importe de 699.044,44 euros. Neste ano 2021 asinouse un novo convenio por importe de 50.000 euros con cargo ao cal execútase esta intervención.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).
 

Imaxes relacionadas