A conselleira do Mar participou no evento A agricultura azul no acordo verde europeo: unha visión para a produción e o consumo sustentables da acuicultura na UE

Galicia aposta por involucrar á sociedade para impulsar o cultivo sustentable de recursos mariños na Unión Europea

Rosa Quintana incidiu na importancia de desenvolver unha actividade respectuosa e compatible co medio ambiente e na necesidade de axilizar a tramitación administrativa vencellada a este sector para facelo máis atractivo

A conselleira tamén subliñou que a investigación e a innovación actuais permiten contar con mellores instalacións e prácticas de cultivo, o que ao mesmo posibilita afondar na produtividade, na calidade do produto e nun control máis exhaustivo

A creación e fixación de emprego é outro dos factores deste sector que en Galicia xera 10.000 postos de traballo directo e indirecto e onde en determinados municipios costeiros incluso supón o 25% do emprego
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo esta semana a necesidade de concienciar aos profesionais do mar e aos consumidores sobre a importancia do cultivo de recursos mariños, a súa compatibilidade coa pesca e os seus beneficios co obxectivo de impulsar esta actividade na Unión Europea. Así o manifestou durante o evento virtual A agricultura azul no acordo verde europeo: unha visión para a produción e o consumo sustentables da acuicultura na UE, organizado pola Comisión Europea e que foi inaugurado polo comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius.

A conselleira, que foi a única representante dunha administración rexional que formou parte desta iniciativa, tamén destacou a importancia dos estudos relacionados coa reordenación do espazo marítimo coa finalidade de desenvolver na UE unha actividade acuícola respectuosa e compatible co medio ambiente. Nesta liña, fixo fincapé na necesidade de axilizar a tramitación administrativa vencellada a este sector para afianzar a actividade e facela máis atractiva.

Para impulsar o potencial do sector de cultivos mariños na Unión Europea, especificou Rosa Quintana, existe o marco axeitado. Neste sentido, mencionou as Directrices de acuicultura sustentable da Unión Europea do ano 2013, que serviron de sustento aos diferentes plans nacionais e tamén a investigación e a innovación que permiten contar con mellores instalacións e prácticas de cultivo de recursos mariños.

Estes factores, expuxo a titular de Mar, permiten afondar na produtividade, na calidade do produto e nun control máis exhaustivo. Ao mesmo tempo, engadiu, favorecen o desenvolvemento da actividade máis tradicional, como por exemplo o cultivo de mexillón en batea no caso de Galicia, e daquela de máis recente desenvolvemento como a relacionada coas instalacións offshore.

Deste xeito, sinalou Rosa Quintana, para 2030 a UE debería contar cunha actividade de cultivo de recursos mariños totalmente asentada e atractiva para os consumidores, para os axentes do sector e para a investigación. O obxectivo é que este sector vaia máis alá do que esperaba a Política Común de Pesca e así acadar un sector punteiro, respectuoso co medio ambiente e de referencia para o desenvolvemento económico do litoral, subliñou a conselleira. Deste xeito búscase acadar unha actividade que sexa accesible e atractiva para a sociedade como fonte de produción de alimento como é a agricultura a día de hoxe.

Nesta liña salientou a contribución da acuicultura sustentable á economía a través da fixación e creación de emprego e puxo como exemplo o caso de Galicia, onde este sector xera 10.000 postos de traballo directo e indirecto e onde en determinados municipios costeiros incluso supón o 25% do emprego. Ademais trátase dunha actividade con capacidade de crear sinerxías con outros sectores da cadea mar-industria.

O evento

En relación a este evento virtual organizado pola Comisión Europea, Rosa Quintana agradeceu a iniciativa e sinalou que serve de grande axuda ás administracións que, como a da Unión Europea e a galega, apostan polo desenvolvemento do cultivo de recursos mariños que teña en conta as premisas da sustentabilidade económica, social e ambiental e a compatibilidade entre todas as actividades que se desenvolven no litoral. Ademais manifestou que se trata dun encontro necesario e oportuno no momento actual no que están por implantar iniciativas como as derivadas do Pacto Verde Europeo ou a Estratexia da Granxa á Mesa.

A participación da conselleira do Mar nesta iniciativa desenvolveuse nun panel no que se debateu sobre a visión da acuicultura na Unión Europea no 2030 no que tamén participaron a directora xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca na UE, Charlina Vitcheva; a presidenta da Federación europea de produtores de acuicultura, Lara Barazi-Geroulanou e a directora de Sustentabilidade Alimentaria e relacións internacionais na Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea, Nathalie Chaze. Tamén formaron parte deste panel o director do programa de acuicultura de WWF (World Wildlife Fund), Aaron McNevin, e o cofundador e xerente de Aqua-Spark, Mike Velings.

Esta iniciativa da Comisión Europea xurdiu co obxectivo de debater sobre as novas Directrices estratéxicas para unha acuicultura da UE máis sustentable e competitiva para o período 2021-2030. Para iso reuniu a autoridades públicas de distintas administracións, de empresas, ONGs, inversores, minoristas e consumidores.
 

Imaxes relacionadas