O proxecto piloto de restrorrastrexo de Sanidade permitiu detectar 33 casos confirmados da covid-19

Durante dúas semanas de maio, procedeuse a ampliar o estudo de contactos de 372 persoas diagnosticadas de covid das que se descoñecía a súa fonte de infección, conseguindo identificar un total de 1.001 contactos casuais

O proxecto permitiu aumentar a trazabilidade das cadeas de transmisión, identificando o vínculo epidemiolóxico dun 7% dos casos orfos e detectando 33 novos casos da covid-19
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

A Consellería de Sanidade levou a cabo, entre o 7 e o 21 de maio, un proxecto piloto de ampliación do estudo de contactos, coñecido como restrorrastrexo. O proxecto tiña un dobre obxectivo: optimizar o proceso de rastreo de contactos de xeito que permita identificar un maior número de casos con infección activa e descubrir cadeas de transmisión do virus que permaneceran ocultas.

Así, durante estas dúas semanas, a estratexia de rastrexo identificou un novo tipo de contactos, os contactos casuais. Para isto, non se cinguiu estritamente á busca de contactos nos dous días previos ao inicio de síntomas da persoa positiva, como ata o de agora, senón que se ampliou a busca ata unha semana cara a atrás. Tamén se ampliou á busca daqueles contactos que non cumprían a definición de contacto estreito, pero que puideran terse reunido coa persoa diagnosticada da covid-19 en ámbitos sociais concretos, como pode ser o laboral, o deportivo ou encontros en establecementos de lecer.

Os resultados desta pilotaxe, no que se retrorrastrexaron 372 casos a través da Central de seguimento de contactos (CSC), permitiu a identificación de 1.001 contactos casuais. A estes contactos facilitáronselle medidas preventivas e solicitóuselles unha proba PCR, sen necesidade de realizar a corentena que deben seguir os contactos estreitos. Cómpre destacar tamén que a enquisa de retrorrastrexo posibilitou identificar 21 contactos casuais que xa presentaban síntomas e derivalos de xeito precoz a citación con atención primaria.

A realización das probas PCR aos contactos identificados permitiu detectar 33 novos casos positivos, chegando así a un 5% de positividade entre as probas das que se dispuña de resultado no día do análise. Deste xeito, a identificación de novos casos da covid-19, permitiu vincular epidemioloxicamente diversos casos dos que se descoñecía a fonte de infección e incluso detectar abrochos en contornas nas que varios dos casos eran asintomáticos. Ademais, a información recompilada na enquisa de retrorrastrexo permitiu vincular epidemioloxicamente a 26 dos casos, o cal supuxo un 7% dos casos orfos enquisados.

A avaliación deste proxecto de ampliación de contactos, pese a dispoñer dunha mostra reducida, salienta que positividade dos contactos identificados foi maior cando a interacción entre caso e contacto se produciu nun domicilio ou nunha xuntaza con outras persoas.

Tras estes resultados, a Dirección Xeral de Saúde Pública implantará a ampliación dos estudos de contactos como unha das tarefas á realizar de forma sistemática no estudo de casos da covid-19 en Galicia, integrando o circuíto de retrorrastrexo nos sistemas de información habituais da Consellería de Sanidade.