A Xunta reforza a preparación do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia ante lumes de nivel 1 que afectan a grandes masas forestais

Esta semana leváronse a cabo senllos simulacros en Santiago e Padrón, para comprobar as capacidades do dispositivo en lumes que afectan de xeito importante ao monte ademais de poder poñer en risco ás persoas e bens

En concreto, realizáronse adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección ou coordinación de medios

No caso compostelán, tamén se ensaiou a activación da chamada de emerxencia por parte dos efectivos ante situacións de perigo, así como a evacuación dun ferido
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

A Xunta vén de reforzar a preparación do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia ante lumes nos que se activa a situación operativa 1, pola afectación a grandes masas forestais e pola posibilidade de que estean en risco tanto as persoas como os seus bens. En concreto, esta semana realizáronse senllos simulacros en Santiago de Compostela e Padrón, para comprobar as capacidades xerais do dispositivo neste tipo de situacións.

Así, os distritos forestais III-Santiago-Meseta Interior e IV-Barbanza levaron a cabo simulacros simultáneos aínda que independentes, non só para poñer a proba a capacitación dos efectivos senón tamén para realizar adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección, coordinación de medios, etc. No caso santiagués, tamén se ensaiou a activación da chamada de emerxencia por parte dos profesionais cando se atopan en situacións de perigo e se activan unha serie de protocolos, así como a evacuación dun ferido.

Concretamente, os simulacros desenvolvéronse na parroquia compostelá de Figueiras e na padronesa de Santiaguiño do Monte. No primeiro participaron 4 técnicos, 5 axentes, 4 brigadas, 6 motobombistas e 2 emisoristas. No segundo, mentres, interviñeron 4 técnicos, 9 axentes, 5 brigadas, 4 motobombistas e 2 emisoristas. A maiores destes efectivos, o SPIF Coruña despregou no simulacro de Santiago unha unidade técnica de apoio formada por dous técnicos do servizo provincial.

En definitiva, estas prácticas permitiron non só reforzar os coñecementos dos integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia senón tamén testar a operatividade das tecnoloxías e así familiarizar aos profesionais co seu emprego.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural