O escultor Francisco Leiro realizará unha intervención artística sobre o Camiño para o Bosque de Galicia

Enmarcada no Xacobeo 21-22, o proxecto procura unha obra contemporánea e universal, que dialogue coa cidade compostelá e os espazos naturais do Gaiás, co Camiño de Santiago como pano de fondo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou a Francisco Leiro nunha visita ao espazo que acollerá este proxecto escultórico

Trátase dun dos artistas plásticos galegos con maior proxección internacional, que se suma así aos creadores que teñen realizado intervencións nos exteriores do Gaiás, como Manolo Paz, Clara Montoya ou Alicia Framis
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021.- O escultor Francisco Leiro, un dos artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, realizará unha intervención artística sobre o Camiño de Santiago que se situará no Bosque de Galicia –na aba do Monte Gaiás que se abre sobre a cidade de Compostela– establecendo así un diálogo coa Cidade da Cultura e a Vía da Prata, que discorre paralela ao complexo na súa entrada á capital de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou a Francisco Leiro nunha visita aos espazos que acollerán este proxecto escultórico, enmarcado no Xacobeo 21-22. Con esta proposta, procúrase unha intervención artística contemporánea e universal, que se traduza nunha obra producida con materiais perdurables e cunha concepción formal conectada coa contorna natural na que se situará, co Camiño de Santiago como marco contextual. O proxecto instalarase nos vindeiros meses e aspira a converterse nunha obra de referencia e obrigada visita turística, contribuíndo a consolidar o atractivo natural e de lecer que xa posúe o Bosque de Galicia, con árbores e vexetación autóctona, sendeiros de paseo e icónicas vistas sobre a capital de Galicia.

A escultura de Francisco Leiro sumarase así á serie de intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está a promover nos espazos exteriores da Cidade da Cultura, directamente ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino internacional da peregrinación. Entre elas, as persoas visitantes poden atopar xa a obra Espellos, do escultor Manolo Paz; Constelacións II, de Clara Montoya –coñecido tamén como o banco do peregrino; ou a pirámide de metal de Alicia Framis titulada Deixa aquí os teus medos na contorna do Xardín Literario. As intervencións complétanse anualmente coas intervencións efémeras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que leva tres edicións pondo en valor as creacións contemporáneas realizadas por mulleres, potenciando tamén as zonas verdes do Gaiás como lugar de creación e exhibición.

Francisco Leiro
Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra, 1957) é un dos escultores e artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, cunha actividade profesional que se desenvolveu durante décadas entre New York, Madrid e Cambados. Ten sido cualificado pola crítica da arte como o mellor artista galego contemporáneo e é un dos creadores de Galicia máis destacados de todos os tempos, cunha produción plástica inconfundible, destacando por deixar testemuña a través da súa obra de acontecementos que nos marcaron como sociedade –desde o desastre ecolóxico do Prestige, a sucesos internacionais como a guerra de Siria ou o atentando ás Torres Xemelgas–.

Cursou estudos na Escola de Artes Aplicadas de Santiago de Compostela e na Escuela de Bellas Artes de Madrid, entrando a formar parte, antes de cumprir os 30 anos, da nómina de artistas da prestixiosa Galería Malbourough, referente internacional da arte contemporánea. Foi membro do grupo Foga, de inspiración surrealista, e na década dos 80 viaxou por Grecia e México para estudar a escultura arcaica.

Leiro ten realizado unha importante produción escultórica de carácter monumental en espazos públicos e/ou exteriores, entre as que destacan obras tan icónicas como a figura do animal fantástico coñecida como Sireno na Porta do Sol da cidade de Vigo. Foi recoñecido con premios e condecoracións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia no 2000 ou Premio das Artes na IIª Edición Galegos do Mundo no ano 2003.

A súa obra está presente en destacadas coleccións de museos, institucións públicas e privadas galegas, nacionais e internacionais, como o Akron Art Museum (Ohio, Estados Unidos), o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, o Museo Marugame Hirai (Kagawe, O Xapón), o Stedelijk Museum (Ámsterdam, Holanda), ou, en Galicia, o Auditorio de Galicia, o CGAC, ou as coleccións de Abanca e Afundación.
 

Imaxes relacionadas