A Xunta adxudica por preto de 653.000 euros as obras de humanización da avenida do Bierzo, no Barco de Valdeorras

Os traballos contan cun prazo de 8 meses e prevese o seu comezo este verán

Actuarase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622 para reforzar a seguridade viaria e facer máis humano e accesible este treito urbano

Mellorarase a accesibilidade nas dúas pontes, sobre a vía do tren e o río Cigüeño, e ampliaranse as beirarrúas para facilitar o tránsito peonil e o acceso aos edificios

Reforzarase a seguridade no contorno do colexio Divina Pastora e nas rutas de chegada dos cativos ao centro, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito

Tamén se renovará o saneamento e abastecemento, a iluminación e a semaforización, asumindo o Concello a titularidade do treito tras as obras
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de renovación da avenida do Bierzo, no núcleo urbano do Barco de Valdeorras, por preto de 653.000 euros.

A actuación, que foi adxudicada á empresa Aglomerados y Construcciones Valdeorras, conta cun prazo de execución de 8 meses, coa previsión de iniciala este mesmo verán.

Actuarase nos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna.

Para conseguir este obxectivo, mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño.

Ademais, incrementarase o ancho da beirarrúa na marxe esquerda, na medida en que sexa posible, coa fin de mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que na actualidade dispoñen de accesos con importantes desniveis. A partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliarase o ancho das dúas beirarrúas.

Ademais, reordenaranse os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.

Este proxecto persegue a mellora das condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito.

Destaca na intervención a renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentan un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo.

Neste sentido, e tendo en conta que se levarán a cabo melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, a Xunta solicitou a implicación do Concello, que se comprometeu a asumir a titularidade do treito, unha vez finalizados os traballos.