O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou na sesión a través de videoconferencia

A Xunta de Galicia destaca a importancia da busca de novos modelos nos coidados para as persoas con demencia nas xornadas interdisciplinarias da Federación Alzhéimer Galicia

Salientou o labor levado acabo pola entidade na “intervención, asesoramento e acompañamento ás persoas que teñen alzhéimer e outras demencias dexenerativas”

Celebráronse obradoiros sobre cuestións como os dereitos das persoas con demencia ou os coidados para os profesionais coidadores na prevención de lesións
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou por videoconferencia nas xornadas interdisciplinarias da Federación Alzhéimer Galicia (Fagal). Nesta convocatoria tiveron lugar diferentes obradoiros nos que se trataron cuestións como os dereitos das persoas con demencia ou os coidados ás persoas coidadoras e nos que se traballou na conciencia corporal dos profesionais para a prevención de lesións.

O programa deste ano céntrase nos diferentes aspectos da innovación que contribúe a mellorar a atención, os coidados ou a rehabilitación física e cognitiva das persoas que sofren esta enfermidade. O obxectivo das xornadas é intercambiar experiencias, promover o desenvolvemento asociativo e coñecer outros modelos de atención para persoas con alzhéimer e as súas familias, e concretamente este ano o programa.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor o labor levado a cabo por Fagal no que ten que ver coas novas tecnoloxías aplicadas aos coidados, e asegurou que desde a Consellería de Política Social “estamos a traballar en proxectos para captar fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que poñen o foco, entre outros aspectos, no ámbito da innovación e novas tecnoloxías aplicados aos coidados de longa duración”.

Plan de Choque en Dependencia

Tamén destacou que a Xunta de Galicia vén de presentar un Plan de Choque en Dependencia para impulsar a tramitación das prestacións por dependencia que, asegurou, se trata da reforma “máis importante nos últimos quince anos”. Este cambio levará a cabo unha exhaustiva revisión e modificación da normativa co fin de simplificala e reducir os trámites, co obxectivo último de axilizar e reducir os tempos de tramitación para que as prestacións e servizos sexan efectivas no menor tempo posible.

Para rematar, Fernando González Abeijón felicitou á entidade e aos profesionais deste sector polo traballo que desenvolven todos os días do ano na “intervención, asesoramento e acompañamento ás persoas que teñen alzhéimer e outras demencias dexenerativas”.