Máis de 117.000 usuarios xa descargaron o bono activa comercio da Xunta, que conta con 5200 establecementos adheridos en toda Galicia

Conde destacou que as tendas interesadas en unirse a esta iniciativa aínda teñen de prazo ata este luns 31 de maio para facelo en bonosactivacomercio.gal

Na cidade de Santiago de Compostela xa se sumaron á campaña máis de 270 negocios e 4000 clientes

A Xunta ten tamén en marcha axudas por 5M€ para a modernización do comercio e dos obradoiros de artesanía, para as que aínda se poden presentar as solicitudes ata o 4 de xuño
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do director xeral de Comercio, Manuel Heredia, visitou esta mañá en Santiago de Compostela varios dos establecementos adheridos á iniciativa do Bono Activa Comercio –Calzados Severino, Deportes Caneda, Farmacia Gómez Ulla, Calzados Seijas, Dulce Calvo, Ebony, Sarto, Core Surf e Tien 21–, onde informou de que máis de 117.000 galegos e galegas xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, chegando ademais aos 5200 establecementos adheridos na Comunidade.

Polo que respecta á provincia coruñesa, máis de 1.900 comercios sumáronse ata o de agora a esta iniciativa, dos cales pertencen á cidade compostelá preto de 300 negocios. Con todo, tal e como apuntou o vicepresidente económico, estas cifras poden variar xa que o prazo para que as tendas interesadas poidan rexistrarse na web bonosactivacomercio.gal pecharase este luns 31 de maio. En canto ao número de persoas que contan xa co seu bono desconto, na provincia suman un total de 49.900 usuarios, pertencendo máis de 4400 a Santiago. Neste caso, o prazo para a descarga dos bonos por parte dos clientes permanecerá aberto.

Conde asegurou que estas cifras son un síntoma de que os galegos e as galegas elixen o comercio de proximidade porque buscan calidade e un trato personalizado, e puxo de manifesto a capacidade de reacción do comercio galego para adaptarse a este novo escenario sabendo trasladar unha mensaxe de confianza.

O Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas específicas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña. En concreto, a iniciativa conta cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia, que poden obter o seu bono con 30 euros de desconto para compras en establecementos locais.

Axudas para impulsar a modernización

Co obxectivo de que o comercio de proximidade dea o salto dixital, a Xunta tamén mantén aberta a liña de axudas para a implantación e impulso da dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego ata o vindeiro 4 de xuño. A convocatoria, de concorrencia competitiva, conta este ano cun orzamento de 5M€ –o que supón 1,2M€ máis que na edición anterior– e diríxese ao comercio polo miúdo e aos obradoiros artesanais. As axudas cobren ata o 80% e existe a posibilidade de acceder a anticipos de ata o 50% do importe da axuda.

Tal e como manifestou Francisco Conde, esta liña de apoios contempla axudas que poden chegar ata os 21.040 euros e que están dirixidas a establecementos e obradoiros que queiran afondar no comercio por internet –con apoios para páxinas web con venda en liña ou melloras e actualizacións–; ou realizar actuacións de comunicación, publicidade e marketing; e que incorpora como novidades o apoio á participación en eventos efémeros ou feiras dixitais e actuacións de loxística e-commerce. Por outra parte, apoiaranse tamén nesta liña actuacións de adquisición de equipamentos propias da actividade comercial e artesanal con axudas de ata 8000 euros.
 

Imaxes relacionadas