A Xunta destaca o valor de iniciativas como o Premio de Poesía de Carral para difundir o talento dos novos creadores galegos

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa no acto de entrega da XXIV edición, que recae no escritor vigués Álex Mene por ‘Os puntos do impacto’

O Goberno autonómico vén colaborando nos últimos anos con este certame literario facilitando a publicación das obras premiadas

Carral (A Coruña), 28 de maio 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coas iniciativas que contribúan a difundir o talento e que axuden a reforzar a promoción e divulgación da literatura galega. Así o manifestou durante a entrega do XXIV Premio de Poesía Concello de Carral, que conta co apoio do Goberno autonómico e ao que puxo como exemplo por ser, afirmou, “un dos certames históricos de Galicia que nos seus 24 anos de vida continúa a visibilizar e servir como estímulo para un bo número dos autores no eido da poesía”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu a todos os participantes o seu esforzo nunha edición que, como dixo, “contou con moitos poemarios merecentes do premio, o que demostra a boa saúde da nosa literatura e as ganas dos creadores de seguir xerando propostas literarias de calidade”. Felicitou, ademais, ao gañador, o vigués Álex Mene coa súa obra Os puntos do impacto.

Como recordou, o autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón cunha obra da que o xurado destacou o “universo orixinal e coherente” da peza na que sobresae “a solidez da súa voz poética”. Álex Mene é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid.

Produción literaria

Conta xa con produción literaria como o álbum ilustrado A raíña das tortas e gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento coa súa obra Indómita e a semente da inmortalidade. Ademais, no ano 2020 obtivo o 3º premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia).

A obra gañadora publicarase na colección de poesía de Edicións Espiral Maior, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Durante o acto, tamén se presentou a publicación gañadora na edición anterior. Trátase do libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.