O conselleiro do Medio Rural asistiu aos actos de celebración da 58ª edición da Festa do Viño do Ribeiro

A Xunta defende o carácter propio e distintivo dos viños do Ribeiro e pon en valor a súa calidade, personalidade e respecto á tradición

José González reiterou o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola, que se materializará na Estratexia de dinamización deste eido produtivo, así como en diferentes liñas de axudas e no respaldo ao traballo dos consellos reguladores

Ribadavia (Ourense), 28 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, defendeu hoxe “o carácter propio e distintivo dos viños do Ribeiro” que se materializa, ademais, “na aposta dun conxunto de adegueiros” que decidiron no seu día concretar os seus esforzos co obxecto de defender e promocionar un determinado concepto de viño.

O conselleiro, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu en Ribadavia aos actos de celebración da 58ª edición da Festa do Viño do Ribeiro, onde destacou o camiño desenvolvido por estes adegueiros, co único propósito de “elaborar viños de calidade, personalidade e arriago á nosa terra, a través do respecto á tradición”. Esta intención, dixo o conselleiro, esténdese ata o día de hoxe, no que a Denominación de Orixe Ribeiro se consolidou como a segunda de Galicia en volume de produción.

Nesta liña, José González destacou tamén o apoio da Xunta ao sector vitivinícola. Así, lembrou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, promovida polo Goberno galego e dotada cun orzamento de preto de 750.000 euros. Este plan ten o obxectivo de reforzar “un dos eidos produtivos máis estratéxicos do sector primario” e de avanzar “para adiantarnos ao seu futuro”, remarcou. Como eixos desta iniciativa, o conselleiro debullou a calidade, a internacionalización e a innovación, para afrontar retos como a remuda xeracional e o cambio climático.

Achegas

Neste mesmo sentido, José González afirmou que a Xunta pon a disposición do sector todas as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento. Así, citou as achegas para a reestruturación e a reconversión de viñedo, para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou para a promoción en terceiros países, así como o constante apoio aos consellos reguladores. Ademais, recordou a posta en marcha do préstamo vendima, unha liña de financiamento que permitiu que as adegas mercasen a uva da campaña da vendima do 2020 en condicións normais de mercado. Un instrumento que -sinalou- volverá ser activado, se é preciso, neste 2021.

Por último, o conselleiro reiterou a aposta da Xunta pola calidade dos viños en particular e dos produtos agroalimentarios galegos en xeral, lembrando que “Galicia é sinónimo de calidade”. Ademais, valorou tamén a contribución destes produtos -e do viño en particular- á configuración da idiosincrasia dos galegos, así como ao desenvolvemento integral do territorio. Neste contexto, indicou que na calidade diferenciada “atópase a simbiose perfecta entre patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e tradición”.