Padrón acolle o último showcooking do proxecto Saborearte de "O Teu Xacobeo" dirixido á promoción do Camiño Portugués da Costa

Tralo remate das xornadas de cociña en directo a actividade en xuño cunha mostra fotográfica coas imaxes obtidas durante os encontros

Padrón, 28 de maio de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na sesión de clausura do proxecto SaborEarte. Fotodegustacións no Camiño Portugués da Costa, que se celebrou hoxe no Xardin da Casa Museo da Fundación Camilo José Cela. O proxecto conclúe as súas xornadas de cociña pero continuará coa súa actividade ao longo do mes de xuño, cunha exposición fotográfica das polas imaxes capturadas durante o proxecto

SaboreArte pertence ao programa O Teu Xacobeo da Xunta que recibiu unha axuda de case 18.000 euros para o desenvolvemento da iniciativa que finalizou hoxe en Padrón despois de pasar por O Rosal, Soutomaior, Portas e Pontecesures

O derradeiro encontro incluíu unha demostración de cociña en directo, a cargo do cociñeiro Miguel Mosteiro, unha degustación de pratos elaborados con produtos de proximidade, onde non faltaron os famosos pementos de Herbón nin os viños Denominación de Orixe Rías Baixas, que continuou cun debate sobre as posibilidades de promoción turística da fotografía gastronómica e o patrimonio enogastronómico que contou coa presencia dos restauradores Alberto Sanmartín, Luis Arijón, Pepe Santos e Chef Rivera, toda una institución na restauración local; acompañados do fotógrafo Adolfo Enríquez, impulsor do proxecto.

O Teu Xacobeo

O programa de O Teu Xacobeo permite diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño de Santiago e o valor deste Ano Santo Dobre, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo 21-22.

A segunda edición do programa permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 21-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros, o que permitirá mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros. Os beneficiarios están a executar os seus proxectos para o que contan de prazo ata o vindeiro mes de setembro, trala concesión dun adiamento por mor da covid-19 co obxectivo de que poidan dispor de máis tempo para levar adiante as iniciativas propostas.

O resultado é unha programación sociocultural que está a contribuír na promoción de Galicia e, especialmente, do Xacobeo 2021, a través dun impulso descentralizador que permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego. En total, as dúas convocatorias de O Teu Xacobeo supuxeron un investimento de 8 millóns de euros -4,7 millóns na primeira e 3,3 millóns na segunda- a distintos proxectos para celebrar o Ano Santo.