O Sergas informa aos sindicatos sobre a vacinación de menores de 60 anos que recibiron a primeira dose de AstraZeneca

A Administración sanitaria galega optou por requirir o consentimento informado nos dous casos, con independencia da vacina elixida, tal e como expuxo ás organizacións integrantes da Mesa Sectorial

Todas as organizacións sindicais integrantes da Mesa (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT) concordaron coa Administración e amosaron a súa vontade de seguir defendendo e apoiando a campaña de vacinación

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

Hoxe tivo lugar unha sesión monográfica e extraordinaria da Mesa Sectorial do persoal do Servizo Galego de Saúde, para informar ás organizacións sindicais a última información sobre a administración en Galicia da segunda dose da vacina fronte á covid-19 ás persoas menores de 60 anos que xa recibiron unha primeira dose da vacina Vaxzevria (AstraZeneca).

A Directora Xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou o criterio preferente da Comisión de Saúde Pública e do Consello Interterritorial do Sistema Nacional e Saúde, sobre que as persoas menores de 60 anos vacinadas coa primeira dose de AstraZeneca reciban agora, en segunda dose, o preparado de Pfizer/BioNTech, baseándose nun estudo do Instituto de Saúde Carlos III. De acordo con isto, o Ministerio de Sanidade estableceu a necesidade dun consentimento informado por parte das persoas que decidan optar pola segunda dose da vacina de AstraZeneca e non pola de Pfizer.

Porén, na actualidade a Axencia Europea de Medicamentos (EMA), entre outros organismos, continúa recomendando a vacina de AstraZeneca, por considerar que os beneficios superan claramente os riscos das reaccións adversas. Ademais, a regulamentación estatal establece que o consentimento informado debe prestarse nos casos nos que os destinatarios da vacina decidan apartarse da pauta estándar establecida; neste caso, a de Astrazeneca.

Por esta razón e tratando de conciliar ambos extremos, a Administración sanitaria galega optou por requirir o consentimento informado nos dous casos, con independencia da vacina elixida, Así se lle expuxo aos sindicatos integrantes da Mesa.

De calquera xeito, e sexa cal sexa a vacina pola que cada cidadán/cidadá opte, a Administración insistiu na reunión -e solicitou a colaboración das organizacións sindicais- na necesidade de informar e concienciar á poboación de que é imprescindible que toda a cidadanía reciba a segunda dose da vacina da covid-19 como única medida eficaz para erradicar a incidencia do virus.

Informouse asemade de que se aplicou un programa piloto, con enquisas telefónicas aos destinatarios da segunda doses da vacina para, en función das preferencias amosadas, distribuílas nos lugares establecidos ao efecto en todo o territorio galego e facilitar así a organización das axendas de vacinación para as vindeiras semanas. As citas continuarán polo de agora a efectuaranse de xeito telefónico, a través de SMS. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde habilitarase un espazo con toda a información de interese para a cidadanía en relación coa segunda dose da vacina.

Por outra parte, a Administración emitirá na próxima semana instrucións específicas e información sobre as pautas de vacinación de determinados colectivos (tales como embarazadas e lactantes ou grupos de risco concretos, como pacientes con fibroses císticas). Todas as organizacións sindicais integrantes da Mesa (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT) concordaron coa Administración e amosaron a súa vontade de seguir defendendo e apoiando a campaña de vacinación.

Imaxes relacionadas