A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou este mediodía o Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia

A Xunta colaborou co Ceida na organización de 700 actividades ambientais coas que se chegou a 33.000 galegos no pasado ano

Ángeles Vázquez lembra que esta entidade vén de ser recoñecida co distintivo de Centro Azul, co que se pon en valor o traballo realizado ao longo destes anos

Destaca o papel do Ceida como quilómetro cero das Mariñas coruñesas para axitar a conciencia e implicación ambiental dos veciños
 

Oleiros (A Coruña), 28 de maio de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá a importancia do Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), que constitúe o “quilómetro cero” das Mariñas Coruñesas para axitar a conciencia ambiental e chamar á mobilización da sociedade nos coidados medio ambientais.

A conselleira destacou que ninguén pon en dúbida o valor e traballo do Ceida e aclarou que, recentemente, esta importancia vén de recoñecerse novamente coa concesión do distintivo de Centro Azul, un dos catro que acumula a provincia da Coruña e dos 13 concedidos en toda Galicia.

Este galardón, que tamén foi outorgado no mesmo concello ao Centro de visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, é unha mostra do seu papel como instalación de referencia comprometida coa educación ambiental de todos os sectores sociais da nosa Comunidade.

Explicou que Oleiros non se entende sen o Ceida, un centro que ano a ano se asentou e integrou, non só no día a día do municipio, senón da súa contorna, grazas á promoción da educación ambiental en todos os sectores sociais, traballando na procura da preservación e mellora medioambiental e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

A conselleira tamén destacou o traballo e esforzo deste centro por manter a súa actividade, a pesar das incidencias que trouxo a pandemia sanitaria pola covid-19, xa que no ano 2020 se levaron a cabo 700 accións (cursos, exposicións, actividades formativas e de divulgación), chegando a máis de 33.000 galegos e galegas.

Nese sentido, destacou a participación da mocidade galega -a sociedade que será herdeira inminente do patrimonio natural de Galicia-, xa que máis de 10.400 alumnos de todos os niveis educativos tiveron contacto cos programas vinculados a temáticas ambientais, como a compostaxe ou a conservación do medio mariño.

A conselleira quixo, así mesmo, nomear unha das últimas actividades organizadas para este colectivo, o programa educativo Por unha transición ecolóxica, celebrado entre os meses de outubro e novembro e que, a pesar da situación de pandemia que comprometeu o seu desenvolvemento, contou coa asistencia de máis de 1.600 estudantes de 14 centros galegos.

Indicou que o medio natural precisa coidados continuados e para iso é importante contar cunha sociedade concienciada e implicada; un reto no que a Xunta está totalmente comprometida, polo que apoia proxectos, actividades e campañas educativas que se leven a cabo dentro da súa programación anual.

De feito, recordou que a Consellería de Medio Ambiente reservou nos seus orzamentos para o presente exercicio unha contía de preto de 100.000 euros para colaborar na organización de actividades no eido do cambio climático; da conservación dos océanos, reducindo o lixo mariño actual; e na divulgación da importancia dos espazos naturais protexidos de Galicia.

Outras das eivas na que se traballa este ano é na dinamización do Observatorio Galego de Educación Ambiental, co fin de aproveitar as sinerxías entre centros especializados; tal e como xa fai o Centro de documentación ambiental Domingo Quiroga, que traballa en rede con outros centros do estado.

Imaxes relacionadas