A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, reuníronse hoxe con comunidades de montes da zona

Medio Ambiente abre a rolda de contactos cos comuneiros do Xurés para implicalos na redacción do Plan de xestión do parque

Durante as xuntanzas, ás que se convocou por separado aos representantes de cada entidade, abordouse a zonificación inicial incluída no borrador do documento e analizáronse os obxectivos e contido do futuro instrumento

Os representantes dos propietarios de montes de Lobeira, Muíños, Bande, Entrimo e Calvos de Randín tamén fixeron propostas e expuxeron as peculiaridades dos seus respectivos territorios, co fin de que se teñan en conta no plan definitivo

Ourense, 28 de maio de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda retomou hoxe a rolda de contactos iniciada a comezos deste ano co obxectivo de darlle un pulo definitivo á redacción do Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, un documento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico, turístico e medioambiental desta zona.

Con este obxectivo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, convocou en Ourense ás comunidades de montes de Lobeira, Muiños, Bande, Entrimo e Calvos de Randín —ás de cada concello por separado— para trasladarlles o contido e obxectivos do futuro plan e recadar a súa opinión ao respecto. As entidades pertencentes ao municipio de Lobios —que permanece pechado perimetralmente por mor da covid— foron as únicas que non puideron asistir á convocatoria por motivos sanitarios.

As reunións sucedéronse de forma bilateral ao longo de toda a mañá e prolongaranse ata ben entrada a tarde, co obxectivo de que a directora e mais o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, tiveran ocasión de revisar individualmente cos comuneiros de cada concello a proposta inicial de zonificación do PRUX. De igual xeito, os responsables autonómicos tamén recompilaron datos e información que manexan estas entidades sobre as peculiaridades de cada municipio, que serán de moita utilidade na elaboración do PRUX.

Cómpre lembrar que a Xunta se fixou como meta que 2021 sexa o ano do impulso definitivo ao Plan reitor de uso e xestión deste parque natural. Con este obxectivo e para garantir que o documento sexa froito do maior consenso posible con todos os actores implicados, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse en primeiro lugar cos alcaldes dos seis municipios ourensáns pertencentes ao Parque Natural do Xurés.

Os primeiros encontros cos rexedores producíronse a finais de xaneiro para analizar o resumo executivo do PRUX, a proposta de partida de zonificación do parque e os próximos pasos a seguir na tramitación, uns contactos que se repetiron a comezos de marzo.

As comunidades de propietarios de montes no Xurés son, por tanto, o segundo colectivo en ser chamado a consultas pola Xunta para a elaboración do documento, tendo en conta o peso e a relevancia que teñen estas entidades no parque natural máis extenso de Galicia.

Tras esta primeira reunión cos representantes das comunidades de montes da zona, a Consellería ten previsto concertar unha nova xuntanza coas entidades de Lobios, tan pronto como a situación sanitaria neste concello o aconselle e permita.

Así mesmo, tamén se manterán contactos con outros colectivos e sectores con intereses no Parque Natural do Xurés co fin de seguir reforzando o traballo técnico que servirá de base do futuro PRUX.

Cronograma previsto

En canto ao cronograma previsto unha vez estea pechado o borrador do plan, os seguintes pasos serían proceder á súa presentación aos principais colectivos afectados e interesados; publicación do anuncio de información pública; resposta, avaliación e posible incorporación das achegas recibidas; solicitude de informes aos organismos con competencias; presentación ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads); traslado á asesoría xurídica; e aprobación polo Consello da Xunta, para a súa publicación no DOG.

Imaxes relacionadas