A Xunta asesora ao persoal de 16 concellos coruñeses sobre a aplicación das novas directrices da paisaxe

Noia (A Coruña), 28 de maio de 2021

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou a 16 concellos da provincia da Coruña a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.

Así llo trasladou o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Noia, Lousame, Rois, Padrón, Rianxo, Dodro, Brión, Negreira, Outes, Muros, Carnota, Mazaricos, Dumbría, Cee, Fisterra e Corcubión, no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no Casino de Noia.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva dous meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel local o contido das Directrices. Neste sentido, Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.

A Xunta dá valor a este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.
 

Imaxes relacionadas