Os directores da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte participaron na Comisión 7ª

A Xunta investiu preto de 118 M€ nos últimos dez anos para apoiar a mellora de camiños de titularidade municipal no rural

Así o trasladou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, quen salientou ademais que se destinaron outros case 18 millóns de euros nos últimos cinco anos dentro dos plans de infraestruturas rurais

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal explicou que os traballos para a elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia van a bo ritmo

José Luis Chan desbotou ademais que a suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto afectara á planificación dos viveiros, porque estes xa tiñan a súa produción de planta prevista antes de que esta decisión tivera efecto

O director xeral de Defensa do Monte matizou que só unha das 155 queimas prescritas realizadas esta tempada polos profesionais do Servizo contra incendios superou a área inicialmente definida na planificación
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A Xunta investiu preto de 118 millóns de euros nos últimos dez anos para apoiar a mellora de camiños de titularidade municipal no rural galego. Así o destacou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto.

A responsable da Axencia sinalou ademais que por parte da Consellería do Medio Rural destináronse outros case 18 millóns de euros nos últimos cinco anos dentro dos plans de infraestruturas rurais, entre os que tamén se inclúen actuacións en vías municipais.

A maiores, Inés Santé salientou que neste ano 2021 o orzamento destinado ao plan de mellora de camiños incrementouse case nun 20% respecto da convocatoria anterior, ata chegar aos 14,3 millóns de euros. Lembrou tamén que o reparto destes fondos entre os 313 concellos galegos está consensuado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e responde a criterios técnicos obxectivos relacionados cos habitantes, o número de entidades de poboación, o coeficiente de agrariedade e os graos de despoboamento e envellecemento de cada concello, entre outros.

Inventario Forestal Continuo

Por outra banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou que os traballos para a elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia avanzan a bo ritmo. En resposta a unha pregunta sobre este asunto, o director xeral matizou que os labores de campo, coa medición de parcelas e itinerarios, se están a facer a un ritmo maior do previsto inicialmente, coa vista posta en rematar no mes de agosto a medición da rede base de parcelas, que son 371 en total.

Ademais, en paralelo estanse a facer itinerarios para describir as principais variables da cuberta que permitan obter o mapa forestal de Galicia a partir da imaxe satélite. Xa se fixeron máis de 172 itinerarios e a finais de ano calcúlase que este número vai superar os 500, remarcou Chan. O director xeral incidiu en que a Xunta seguirá traballando neste eido, en colaboración coas universidades de Santiago e Vigo, baixo un principio de escoita ao sector, acción e presentación de resultados, coa máxima transparencia e rigor técnico posibles.

En resposta a outra pregunta, sobre a suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto onde xa non existe esta especie, José Luis Chan advertiu que esta medida non afectou en absoluto á planificación dos viveiros, que xa tiñan a súa produción de planta prevista antes de que esta decisión tivera efecto. Así, segundo a declaración anual destes viveiros, a súa produción de planta atópase arredor dos 16 ou 18 millóns de exemplares. O director xeral concluíu que, polo tanto, falar dun aumento “exponencial” da superficie de eucalipto a causa da suspensión é unha esaxeración e carece de fundamento.

A maiores, Chan desbotou que os produtores de piñeiro estean a vivir dificultades por mor da suspensión da plantación de eucalipto -algo que non ten moito sentido, engadiu- e lembrou que en Galicia cúrtanse anualmente preto de 3,5 millóns de metros cúbicos de coníferas. Recordou, ademais, que o sector forestal galego vén de subscribir un compromiso de colaboración, denominado “Plan integral de dinamización e recuperación de montes de coníferas” que se consolidou despois coa constitución da Fundación Arume. Esta entidade ten entre os seus obxectivos a potenciación da presenza de coníferas nos montes en cantidade e calidade e o impulso á bioeconomía, a innovación, o emprendemento e o desenvolvemento rural, salientou.

Queimas prescritas

Noutra orde de cousas, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, informou de que na actual tempada de queimas prescritas -realizadas de modo preventivo polo persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais-, que se iniciou en outubro de 2020, realizáronse un total de 155 intervencións. E aclarou que só nun caso, o pasado día 6 de abril en Folgoso do Courel, o lume superou a área definida na planificación, polo que se deu aviso aos servizos de extinción.

Imaxes relacionadas