Igualdade resalta o peso de Mulleres do Mar de Arousa na busca da igualdade e da participación feminina no sector

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela un encontro coa directiva da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, que aproveitou para poñer en valor o importante papel desta entidade no traslado dos principios de igualdade a este sector e na busca dun papel relevante nos órganos de decisión que lles afectan.

A titular de Igualdade reuniuse con Dolores Gómez, presidenta de Anmupesca. Ambas as dúas resaltaron a necesidade de dar voz ás mulleres do mar, que no caso de Galicia supoñen o 25% do sector, representado principalmente por redeiras, mariscadoras, armadoras, peixeiras, traballadoras da conserva, neskatillas ou biólogas.

As necesidades específicas das mulleres no mar pasan, tal e como se trasladou, pola abordaxe decidida das súas condicións sociolaborais ou mesmo as enfermidades profesionais e tamén na loita contra as desigualdades por razón de xénero aínda existentes no sector máis masculinizado da pesca.

A Xunta mantén colaboración permanente con esta entidade da que López Abella destacou o seu carácter comprometido con traballo no mar. A secretaria xeral da Igualdade animou a Mulleres do Mar de Arousa a seguir defendendo os dereitos da muller e visibilizando o traballo dunha das profesións máis difíciles e sacrificadas.

Imaxes relacionadas