A Xunta reforza o seu apoio á Programación Lírica da Coruña como o referente galego para a produción e difusión da ópera

Achégalle á Asociación de Amigos de la Ópera 200.000 euros para levar a cabo a montaxe de ‘Payasos’, a versión en concerto de ‘Parténope’ e outras actividades de formación e exhibición deste xénero

No marco do Xacobeo 21-22, increméntase nun 33% a colaboración económica con esta entidade, decana das asociacións líricas españolas

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A Xunta de Galicia renova e reforza a súa colaboración anual coa Asociación de Amigos de la Ópera da Coruña, á que destina 200.000 euros para organizar unha nova edición da súa Programación Lírica, coa produción da ópera Payasos, de Ruggero Leoncavallo, e a versión en concerto de Parténope, de Händel, como principais citas dunha intensa carteleira dedicada ao xénero entre o 4 de setembro e o 14 de outubro.

Así o expresou hoxe na Coruña o director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, quen incidiu en que este importe supón un incremento do 33% respecto da contía achegada no ano 2020, aumento que se enmarca na celebración do Xacobeo 21-22 como motor para a reactivación do sector cultural fronte aos efectos da crise sanitaria.

Deste xeito, aumenta o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a un xénero musical no que a Asociación de Amigos de la Ópera é referente dentro e fóra de Galicia. Trátase da decana das asociacións líricas españolas, ademais de ser premiada en numerosas ocasións polo seu labor de difusión musical entre todo tipo de públicos, presentando en Galicia producións e figuras de nivel internacional. Ao tempo, a súa programación está a ser un efectivo escaparate para contribuír a unha maior proxección social do traballo de cantantes, compositores e músicos galegos no ámbito da lírica.

Homenaxe a Ofelia Nieto

Así, o Teatro Colón acollerá os días 24 e 26 de setembro a ópera Payasos, de Ruggero Leoncavallo, baixo a dirección de Fernando Briones. Na produción participa o Teatro Lírico Nacional La Zarzuela de Madrid e mais a Orquestra e Coro Gaos. A escolla deste título é unha homenaxe á soprano compostelá Ofelia Nieto, cando se cumpre un século desde que a cantante galega universal a interpretara no Teatro Real de Madrid. Nesta ocasión, serán os barítonos Juan Jesús Rodríguez e Gerardo Bullón, os tenores Alejandro Roy e Pablo Carballido, e a soprano Vanessa Goikoetxea nos roles principais.

O mesmo escenario coruñés recibirá o 2 de outubro a ópera La Parténope, de G.F. Händel, dirixida por William Christie e o seu conxunto especializado en repertorio barroco Les Arts Florissants. Neste concerto participará tamén o novo contratenor galego Alberto Miguélez Rouco.

A programación Lírica da Coruña para este ano complétase con outras óperas e espectáculos, como I Puritani, de Bellini, o monólogo El Reflejo ou os concertos coas sopranos Lise Davidsen e Saoia Hernández e mais o barítono Leo Nucci, con arias e escenas de óperas de Beethoven, Verdi, Wagner, R. Strauss, Rossini, Puccini ou Bellini. Tamén se inclúen un recital a cargo do dúo da soprano María José Moreno co barítono Carlos Álvarez, un ciclo de lírica inclusiva, un curso de interpretación vocal e outras actividades paralelas.


Prestixio e excelencia

 

Na súa intervención, o director da Agadic referiuse a este calendario lírico como unha das citas culturais que dotan de prestixio e completan desde a excelencia o tan diverso abano de propostas que conforman a actividade artística do país, e que sitúan a nosa Comunidade no selecto mapa dos territorios que contan cunha programación importante dedicada ao xénero.

Destacou, ademais, que esta actividade se leva a cabo dun xeito definitorio moi relevante, xa que non se trata dunha carteleira importada doutros centros ou entidades, senón que moitas veces se ofrece un labor de produción completa: desde a escolla e xénese do proxecto, ata a súa posta en pé, pasando pola contratación de intérpretes e demais integrantes de cada equipo técnico, ou a construción dos principais elementos de escenografía. “Faise dun xeito plenamente integrado no noso tecido económico e cultural, contribuíndo a dinamizar o emprego artístico e de servizos no eido das nosas industrias culturais e creativas”, expresou.

Imaxes relacionadas