Jacobo Rey analiza coa Fundación Meniños e a Asociación Arela as súas propostas de colaboración para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, mantivo unha reunión cos directores de ambas entidades para resolver as súas dúbidas

Celebra a boa acollida que está a ter a Manifestación de Interese lanzada pola Consellería de Política Social para implicar ao terceiro sector no desenvolvemento das liñas estratéxicas de actuación no ámbito social

O prazo para remitir propostas permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de xuño

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A Xunta de Galicia está a constatar o elevado interese das entidades de iniciativa social por participar nos proxectos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que se executarán en Galicia cos fondos da Unión Europea. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo esta mañá unha reunión cos directores da Fundación Meniños, Mónica Permuy, e a Asociación Arela, Julio Barreiro, para analizar as súas propostas de colaboración de cara á presentación de proxectos innovadores no eido da infancia.

O encontro tamén serviu para que ambas entidades puidesen trasladar as súas dúbidas e inquietudes sobre esta oportunidade ao director xeral de Familia Infancia e Dinamización Demográfica, quen agradeceu a súa iniciativa e implicación na Manifestación de Interese lanzada pola Consellería de Política Social. O obxectivo desta medida é precisamente implicar a este sector no desenvolvemento das liñas estratéxicas de actuación no ámbito social.

As entidades, con ou sen ánimo de lucro, que teñan interese en presentar iniciativas e proxectos poderán facelo ata o vindeiro 4 de xuño. A partir desa data, todas as propostas recibidas serán avaliadas polo Goberno autonómico. Na solicitude que se presente á Manifestación de Interese, publicada na web galega que centraliza toda a información sobre os fondos Next Generation da Unión Europea, deberán detallarse aspectos de cada proxecto como os seus obxectivos, a súa localización, a súa planificación, estado de madurez e socios implicados, así como unha valoración económica.

Áreas clave

Na manifestación de interese identifícanse algunhas áreas clave, que teñen como eixo común a innovación e a mellora do sistema de coidados: a creación de novos equipamentos, o lanzamento de proxectos piloto, a transformación tecnolóxica dos servizos sociais, a atención á infancia no medio rural, o coidado da saúde mental no ámbito da infancia, a aposta pola accesibilidade en sentido amplo e a loita contra a exclusión social a través da creación de centros específicos, do aproveitamento do potencial das zonas rurais e da redución da fenda dixital, iniciativas pioneiras no ámbito da dinamización demográfica e a fixación de poboación en zonas pouco poboadas, ou programas innovadores de educación non formal e voluntariado co obxectivo de fomentar e mellorar as capacidades e habilidades da poboación moza.