Arias destaca a aposta da Xunta polos recursos sociais de proximidade na celebración do 10º aniversario do centro de día de Cospeito

O delegado territorial de Lugo salientou que o Goberno galego financiará obras de mellora do edificio, que ten capacidade para 40 persoas usuarias

Cospeito (Lugo), 28 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, resaltou hoxe a aposta do Goberno galego por seguir mellorando os recursos sociais de proximidade durante a celebración dos actos conmemorativos do décimo aniversario do centro de día de Cospeito, pertencente á rede pública autonómica.

Arias puxo en valor o traballo de todo o persoal destes centros que “axudan ás persoas maiores e ás familias no seu día a día” e agradeceu de maneira especial “o esforzo que están a facer na situación actual para funcionar de forma segura e coa máxima normalidade”.

O delegado lembrou que a Consellería de Política Social investirá 31.500 euros no acondicionamento das instalacións, en colaboración co Concello de Cospeito, que se encargará de executar as obras. A actuación está orientada a reforzar as condicións de illamento e impermeabilidade do edificio, que ten capacidade para 40 persoas usuarias e actualmente atende a 28, deste municipio e doutros da contorna.

Arias salientou que a Xunta segue a traballar “para estender a máis concellos a rede de recursos que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas de máis idade, como o Servizo de Axuda no Fogar, o programa Xantar na Casa, a teleasistencia ou as casas do maior, pequenos centros de día gratuítos que están a funcionar moi ben nas zonas rurais”.
 

Imaxes relacionadas