A Xunta e o Concello de Santiago asinan a cesión do terreo no Castiñeiriño onde se situará a residencia de maiores pública financiada e construída pola Fundación Amancio Ortega

O centro de atención integral ocupará dúas parcelas unificadas que suman preto de 6000 metros cadrados

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago asinaron hoxe a cesión do terreo no que se situará a futura residencia de maiores pública financiada e construída pola Fundación Amancio Ortega (FAO). Este novo centro de atención integral, que será unha referencia a nivel europeo, estará emprazado no barrio do Castiñeiriño, na rúa Monte do Seixo.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, Jorge Atán, formalizaron a cesión á Xunta, por parte do Concello, deste terreo composto por dúas parcelas unificadas que suman preto de 6000 metros cadrados.

Nun principio estaba prevista a construción deste centro no barrio de Fontiñas, pero esta nova localización presenta unhas mellores características para o desenvolvemento deste proxecto residencial con vocación de excelencia.

Esta nova residencia pública, cuxa construción financia e executa a Fundación Amancio Ortega, porá á disposición das familias 120 prazas públicas para persoas maiores e permitirá a creación de máis dun centenar de postos de traballo no ámbito dos coidados.

O centro de atención integral para maiores disporá dun equipamento punteiro que financiará a FAO. Contará tamén con servizos innovadores, como unidades especializadas no tratamento do alzhéimer e outras demencias, que o converterán nunha das mellores residencias de Europa.

Imaxes relacionadas