A Xunta levará ata os Xogos Olímpicos de Toquio a súa campaña NON á violencia de xénero da man de deportistas galegos

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, presentaron hoxe en Pontevedra o acordo de colaboración que permitirá desenvolver Reto Galicia-Toquio con Igualdade

Participarán entre outros, Julia Benedetti, Javier Gómez Noya, Álex Vidal, Teresa Portela, Ana Peleteiro, Támara Echegoyen ou Iago López

A iniciativa forma parte das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e do acordo de colaboración que manteñen Igualdade e Deportes, que conta cun investimento de 500.000€

A Xunta leva destinados 2,5 millóns de euros en medidas dirixidas a erradicar a discriminación cara a muller e a violencia de xénero no ámbito deportivo nos últimos tres anos

Pontevedra, 28 de maio de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, presentaron hoxe en Pontevedra Reto Galicia-Toquio con Igualdade, unha iniciativa, froito dun acordo entre os dous departamentos autonómicos, que permitirá a deportistas galegos e galegas olímpicas e paralímpicas clasificadas para os Xogos de Toquio difundir a campaña NON á violencia de xénero. Do que se trata é, en palabras de Lorenzana, de visibilizar e promover a igualdade de xénero e a loita contra a violencia de xénero co apoio de numerosos deportistas como son, entre outros, Julia Benedetti, Javier Gómez Noya ou Álex Vidal, que participaron na presentación.

Reto Galicia-Toquio con Igualdade forma parte das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e enmárcase no acordo de colaboración que manteñen a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, que conta cun investimento de 500.000 euros. Desta cantidade, un total de 300.000 euros investiranse na iniciativa presentada hoxe, que estará vixente ata finais deste ano, e coa que se impulsará a transmisión de contidos relacionados coa tolerancia, a igualdade e a loita contra a violencia de xénero no deporte. O pasado ano, froito desta colaboración, púxose en marcha o Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro nivel estatal de Galicia.

Lorenzana destacou que o deporte constitúe “un motor de cambio” que inculca valores como a tolerancia, o respecto, a disciplina, o compañeirismo, o esforzo e a superación persoal, “onde as mulleres xogan un papel esencial no camiño cara a igualdade”. Ao respecto, indicou que a igualdade é “máis que un propósito, unha obriga ou deber de toda a sociedade” e, neste senso, afirmou que o Goberno galego deseña as súas actuacións neste eido de maneira transversal “sendo a igualdade un piar prioritario no quefacer de todos os departamentos da Xunta”. En total, nos últimos tres anos, a Xunta leva destinados 2,5 millóns de euros en medidas dirixidas a erradicar a discriminación cara a muller e a violencia de xénero no ámbito deportivo.

Pola súa parte, Lete destacou a importancia dos embaixadores e as embaixadoras galegos e galegas no eido deportivo que son capaces de concienciar e sensibilizar a toda a poboación sobre a necesidade de acadar a “igualdade efectiva entre homes e mulleres”, un dos principios básicos da Xunta de Galicia. O Goberno galego, dixo, “leva loitando por acadar esta igualdade desde a súa xénese e apoiando ás mulleres en todo momento”. Neste sentido lembrou que dos 1.617 equipos patrocinados ao abeiro do Plan de Equipos de Alta Competición de Galicia desde o ano 2009, o 48% contan con presenza feminina.

Na campaña tamén está previsto que formen parte deportistas como Teresa Portela, Nicolás Rodríguez, Ana Peleteiro, Juan Antonio Saavedra, Belén Toimil, Martín de la Puente, Adrián Ben, Támara Echegoyen, Nikoloz Sherazadishvili, María Victoria Alonso, Miguel Alvariño, Adiaratou Iglesias, Desiree Vila, Carlos Arévalo, María Bernabeu, Iago López, Susana Rodríguez, Celso Comesaña, Agustín Alejos, Gustavo Rodríguez ou Alberto Seoane.

Imaxes relacionadas