A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións de Algas La Patrona

Galicia multiplicou por dez a facturación obtida da venda de algas no último decenio

Rosa Quintana destacou que o ano pasado se descargaron 430 toneladas deste recurso nas lonxas de Galicia por un valor económico de máis de 337.000 euros, fronte aos 37.000 euros facturados no ano 2009

A produción dos establecementos de cultivo desta especie tamén subiu o ano pasado en relación ao 2019, en case un 60% no caso do volume comercializado e en máis do 45% en facturación

A titular de Mar valorou o esforzo dos profesionais vencellados ao mar que a pesar das dificultades derivadas da pandemia da covid-19 arrimaron o ombro para subministrar alimentos de calidade á cidadanía

Algas La Patrona recibiu unha axuda da Consellería do Mar de máis de 35.000 euros a través do grupo de acción local do sector pesqueiro da ría de Arousa

Na convocatoria deste ano a Xunta destina algo máis de 16 millóns de euros aos apoios para os proxectos dos GALP

Cambados (Pontevedra), 28 de maio de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o incremento da produción de algas en Galicia e da súa posta en valor. Segundo sinalou hoxe en Cambados, o ano pasado vendéronse nas lonxas galegas máis de 430 toneladas deste recurso por un valor de máis de 337.000 euros. Esta cifra de facturación, salientou, multiplica por dez á obtida no ano 2009, que é de algo máis de 37.000 euros e é a máis alta das anualidades comprendidas no período 2009-2020, o que reflicte, engadiu, que se trata dunha especie en alza.

Así o subliñou durante a visita ás instalacións da empresa Algas La Patrona, onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí tamén salientou que a cantidade descargada en lonxas no 2020 subiu un 7% en relación ao 2019. Un incremento que tamén se reflicte na actividade dos establecementos de cultivo desta especie, que o ano pasado produciron máis de 1.500 quilos deste recurso, o que supón case un 60% máis que no 2019. A esta cantidade corresponde unha facturación de máis de 10.100 euros, o que reflicte un incremento de máis do 45% en comparación co 2019.

Todo isto, subliñou Rosa Quintana, a pesar das circunstancias derivadas da pandemia da coronavirus, como a redución da demanda da canle Horeca e da exportación, e grazas ao esforzo dos profesionais vencellados ao mar, que en momentos complicados arrimaron o ombro para subministrar alimentos de calidade á cidadanía.

Neste sentido, a conselleira puxo de relevo o traballo de Algas La Patrona, dedicada a recoller, procesar, transformar e comercializar este recurso e sinalou que a actividade deste tipo de empresas contribúen a poñer en valor este recurso e a facer a Galicia máis competitiva neste eido.

Ademais esta iniciativa recibiu unha axuda de máis de 35.000 euros a través do grupo de acción local do sector pesqueiro da ría de Arousa ao abeiro das achegas destinadas aos proxectos destes grupos, polo que tamén é unha mostra da utilidade e os froitos que dan estes apoios cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, engadiu Rosa Quintana.

Unhas subvencións ás que na convocatoria deste ano a Consellería do Mar destina algo máis de 16 millóns de euros, pois o crédito inicial de 15,3 millóns de euros vén de ser incrementado esta semana con máis de 700.000 euros. Con estas achegas da Xunta desenvolvéronse entre os anos 2016 e 2020 preto de 500 proxectos, que contaron cun total de axuda pública de máis de 30 millóns de euros e cun investimento total de máis de 70 millóns de euros.

Algas La Patrona

A empresa foi posta en marcha en Cambados pola emprendedora Cristina García e o proxecto consistiu no acondicionamento da nave para a transformación e comercialización das algas con destino á alimentación e tamén incluíu a contratación de dúas persoas a xornada completa e unha a tempo parcial.

Entre os seus obxectivos está levar o seu modelo de negocio ao mercado local, nacional e internacional promovendo o consumo saudable e sostible de algas da ría de Arousa. Ademais Algas La Patrona desenvolve I+D+i e dispón de tenda en liña. Entre os produtos que comercializa están as algas percebe, espagueti de mar, wakame e kombu deshidratadas e frescas en sal. Tamén realiza unha emulsión de algas frescas en conserva.

Imaxes relacionadas