Máis de 50 nenos da Agrupación Deportiva Escolar Lucus achéganse á escalada da man da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, visitou aos participantes no programa Xogade, da Secretaría Xeral para o Deporte

O obxectivo é que 300 escolares da provincia de Lugo podan iniciarse neste deporte, no que está considerado o mellor rocódromo de España
 

Lugo, 28 de maio de 2021

O rocódromo RocoLugo, no Pazo de Feiras e Congresos, acolleu hoxe a visita de máis de 50 mozos e mozas de 12 anos, participantes no programa Xogade, da Secretaría Xeral para o Deporte. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo achegar o deporte da escalada a 300 escolares lucenses, a través das seis agrupacións deportivas escolares da provincia de Lugo.

O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, estivo esta mañá cos participantes da Agrupación Deportiva Escolar Lucus, uns 50 nenos e nenas de 12 anos de idade do colexio Franciscanos, que asistiron a esta segunda xornada de iniciación á escalada, despois de que a semana pasada fixeran o propio os nenos e nenas integrados na ADE Sur Lugo, de Friol.

Arias destacou o éxito da iniciación á escalada dentro do programa denominado Xogos Galegos en Idade Escolar, Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, posto en marcha de xeito experimental e por segundo ano consecutivo. Ademais salientou o cumprimento do principal obxectivo, como é o achegamento dos mozos e mozas á escalada. A iniciación a este deporte lévase a cabo en Rocolugo, considerado o mellor rocódromo de España e o terceiro de Europa, situado nun pavillón de 5.000 metros cadrados do Pazo de Feiras e Congresos.

Trátase ademais dunha instalación homologada para a celebración de probas internacionais e para a práctica de todas as especialidades olímpicas. A construción e posta en marcha do Rocódromo partiu da colaboración entre a Federación Galega de Montañismo, a iniciativa privada e o apoio das administracións, entre elas a Xunta de Galicia, que agora ocúpase de desenvolver o programa Xogade, mediante o pago dos traslados en autobús á instalación deportiva, os seguros e a organización das actividades.

No bautismo á escalada celebrado hoxe, os participantes recibiron primeiro unha pequena charla sobre a teoría básica deste deporte, as técnicas, a seguridade e as súas tres modalidades, - dificultade, velocidade e búlder,- para despois realizar a práctica deportiva.

Javier Arias comprobou cos escolares de Franciscanos a boa acollida desta iniciativa e lembrou que as seguintes quendas corresponderán ás agrupacións deportivas da Montaña, Val de Lemos, Terra Chá e A Mariña, que tomarán parte nesta iniciativa ao longo das vindeiras semanas.
 

Imaxes relacionadas