A Xunta inviste 150.000€ na reforma da instalación eléctrica no IES Universidade Laboral, que será o novo centro integrado de FP na área da Coruña

Gonzalo Trenor explicou que as obras previstas suporán un salto de calidade no confort para o alumnado e máis eficiencia desde o punto de vista enerxético

Esta obra permitirá adaptar o centro aos requisitos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
 

A Coruña, 28 de maio de 2021

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o actual IES Universidade Laboral de Culleredo (que para o vindeiro curso se transformará no novo Centro Integrado de Formación Profesional para a área da Coruña) para anunciar a licitación dun investimento de case 150.000 euros para levar a cabo a reforma da instalación eléctrica (centro de transformación) que permitirá mellorar a eficiencia enerxética de todo o complexo educativo.

Esta actuación permitirá adaptar o centro ás novas esixencias construtivas e de eficiencia establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución dun mes. O representante do Goberno autonómico puntualizou que con esta actuación mellorarase a capacidade de alimentación eléctrica ás instalacións do IES para dar cobertura ás necesidades que foron crecendo nos últimos anos.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que se presentou esta mesma semana.

Este plan configúrase como a folla de ruta de todas as intervencións que se vaian a facer a partir de agora nos centros educativos galegos e que, segundo destacou Trenor, “recolle todas as ensinanzas que nos deixou esta crise sanitaria, para apostarmos por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino, máis sustentables e máis confortables para profesorado e alumnado”.

Ao abeiro deste Plan -que está dotado con 191€- está previsto actuar en catro de cada dez dos arredor de 1.100 centros escolares de titularidade pública que conforman o sistema educativo galego. De feito, a día de hoxe xa están en licitación un total de 45 obras por un importe que supera os 16,7 millóns de euros. Do orzamento total, o montante máis destacado, case 77,5M€ (o 40,5%) destínase a sostibilidade e eficiencia enexética,

Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Imaxes relacionadas