Xunta e Cogami fomentarán a formación e o acceso cultural das persoas con discapacidade

Trátase dunha iniciativa que lle ofrece a estas persoas a posibilidade de vivir experiencias culturais ao tempo que se incentiva a súa aprendizaxe e curiosidade

Abrangue obradoiros de artes plásticas, fotografía artística, escritura creativa, teatro, música tradicional e popular e danza contemporánea

O Goberno galego incrementa un 25% a súa financiación, ata acadar os 25.000 euros
 

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2021

A Xunta de Galicia e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) renovan a colaboración para levar a cabo o proxecto En-Red-Arte, unha iniciativa que ten por obxecto facilitar a formación e o acceso á cultura das persoas con discapacidade e impulsar a cooperación entre profesionais do eido da discapacidade e artistas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron hoxe o convenio de colaboración mutua para a posta en marcha desta iniciativa que xa vai pola súa terceira edición. Ao abeiro deste convenio, a Xunta de Galicia incrementa nun 25% a achega para o desenvolvemento deste proxecto, ata acadar os 25.000 euros de orzamento.

O proxecto En-Red-Arte está en marcha desde o ano 2015 e está deseñado para proporcionarlles ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar entre este colectivo o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal, entre outras.

Para lograr estes obxectivos levaranse a cabo distintos obradoiros de artes plásticas, fotografía artística, escritura creativa, teatro, música tradicional e popular e danza contemporánea.

Todos eles están pensados para que os participantes –hai previsión de participación de 200 persoas– acaden unha base de coñecementos na materia concreta e, a partir de aí, fomentar o seu espírito creativo e artístico en cada unha das materias que se tratan, tendo en conta os gustos persoais de cada quen. As actividades terán lugar nos centros de recursos de persoas con discapacidade e asociacións de membros da entidade, así como tamén nos espazos formativos que COGAMI emprega habitualmente.

Integración social a través da cultura

Este convenio dá continuidade ao traballo levado a cabo nos últimos anos cunha iniciativa da que se beneficiaron medio millar de usuarios nas súas dúas edicións. Entre as novas medidas previstas para esta lexislatura, a Xunta de Galicia traballa en impulsar un novo proxecto normativo –a Lei de inclusión e accesibilidade cultural– para seguir afondando no dereito irrenunciable de que todas as persoas poidan participar na vida cultural.

Ademais, a Consellería vén colaborando con diversas iniciativas, como o Festival Artístico Igual Arte, da Fundación Igual Arte, que ofrece unha mostra da creatividade de compañías de arte integradas por persoas con discapacidade; ou o Encontro Artes pola Integración, que pon nas mans de grupos dalgunha forma excluídos da participación social unha serie de oportunidades, plataformas, iniciativas e ferramentas para facilitar a súa comunicación co resto da sociedade, ao tempo que dá a coñecer a capacidade expresiva deses grupos socialmente excluídos por razóns legais, sociais ou médicas.
 

Imaxes relacionadas