O Sergas consigue mellorar aínda máis os excelentes resultados de atención aos infartos grazas ás últimas medidas implantadas

Os indicadores de mortalidade a 30 días, unha vez excluídos os pacientes con parada cardiorespiratoria ou shock en Galicia foron do 2,59%, sendo o 5% o establecido pola Sociedade Española de Cardioloxía como un estándar de calidade da atención

Os tempos de atención sitúanse nos 99 minutos, fronte aos 120 minutos marcados como indicador de calidade establecidos pola comunidade científica

Actuacións como a creación de novas unidades de soporte vital avanzado, a atención as 24 horas en máis salas de Hemodinámica e a modificación dos hospitais de destino dos infartados para mellorar o tempo de atención, claves para conseguir estes resultados

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, levou hoxe ao Parlamento os resultados obtidos no Rexistro galego de infarto agudo de miocardio (Regaliam). Uns datos que están estreitamente vinculados á implantación de Programa galego de atención ao infarto (Progaliam).

Desde a posta en marcha do Regaliam, en xuño de 2015, ata decembro de 2020, lévanse rexistrados un total de 6.430 Infartos agudos de miocardio (IAM) en Galicia. Desde esa data, a reperfusión mediante anxioplastia primaria mellorou de xeito global chegando ao 90% dos pacientes, mentras que descende o número de reperfundidos mediante fibrinolise (menor de 5%) e o de non reperfundidos, que caeron drasticamente, situándose en torno a un 2%.

Cando falamos de tempos de reperfusión, -segundo explicou Aboal-, temos que ter en conta dous compoñentes: o que depende dos pacientes, que comeza a computar dende o inicio dos síntomas ata o primeiro contacto sanitario; e o tempo dependente da atención polo sistema sanitario, que comprende dende o primeiro contacto sanitario ata a reperfusión da arteria. No tempo referido aos pacientes, o Regaliam deixa constancia de que as persoas con IAM non quedaron nas súas casas por medo á pandemia, e que sí contactaron cos sistemas sanitarios como calquera outro ano: A modo de exemplo, no ano 2015, esta media situase nunha hora e 13 min., e no ano da pandemia esta media foi dunha hora 14 min.

Respecto aos tempos dependentes da atención polo sistema sanitario (que comprende desde o diagnóstico ata a apertura da arteria responsable do infarto) acadouse o dato de 99 minutos de media na atención no ano 2020 baixo a presión asistencial que supuxo este ano a pandemia da covid. Cómpre destacar que o indicador de calidade da Sociedad Española de Cardioloxía marca ese tempo por debaixo dos 120 minutos.

Os indicadores de mortalidade a 30 días, unha vez excluídos os pacientes con parada cardiorespiratoria ou shock en Galicia foron do 2,59%, sendo o 5% o establecido pola Sociedade Española de Cardioloxía como un estándar de calidade da atención, que é o mellor dato global en Galicia dende a creación do Rexistro.

O Programa galego de atención ao infarto e o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio

Tal e como destacou Jorge Aboal, o Programa galego de atención ao infarto foi un proxecto pioneiro en España que desenvolve unha rede para identificar e atender precozmente e con maior calidade aos pacientes que sufrían infarto agudo de miocardio, buscando reducir a mortalidade e morbilidade provocada por estea doenza. Procura un diagnóstico e tratamento precoz para mellorar a expectativa de calidade de vida do paciente con infarto así como promover a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario.

Para recoller a información deste programa, monitorizar a calidade da atención ao infarto agudo de miocardio e propoñer os cambios necesarios que permitan unha mellora continua na asistencia dos pacientes, naceu o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio.

Na súa intervención na Cámara, o director xeral do Sergas remarcou as actuacións realizadas nestes últimos anos para mellorar aínda máis a calidade na asistencia. Entre elas citou a creación de novas unidades de soporte vital avanzado en Foz, Monforte de Lemos e O Salnés; a ampliación a 24 horas dos horarios das salas de hemodinámica das áreas sanitarias de Lugo e Ourense; ou a modificación dos recursos asignados para o transporte do 061 e as derivacións dos pacientes para optimizar os recursos asistenciais.

Imaxes relacionadas