O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración da Feira do Libro do Porriño, que programa actividades ata o domingo

A Xunta agradece o compromiso dos profesionais do libro do Porriño e a súa contribución á reactivación da cultura

É a primeira cita na provincia de Pontevedra do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia que inclúe 12 paradas ata agosto

Participan catro librarías e unha quincena de escritores que durante catro días asinarán exemplares nos stands da rúa Ramón González

O Porriño (Pontevedra), 27 de maio de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro do Porriño, a primeira das citas na provincia de Pontevedra do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros para divulgar o libro e a lectura por toda Galicia con 12 paradas ata agosto.

Durante o acto, o responsable de Cultura no Goberno galego agradeceu o “esforzo, dedicación e compromiso” que os profesionais do libro do Porriño están a levar a cabo para favorecer á reactivación do sector e incentivar o consumo cultural involucrándose, un ano máis, na celebración desta feira. Recordou, ademais, que se trata dun compromiso compartido coa Xunta de Galicia que, a raíz da pandemia, vén de reforzar a súa colaboración co sector cultural para apoialo no actual contexto sanitario.

Do mesmo xeito, Anxo M. Lorenzo tamén recoñeceu o labor da Federación de Libreiros de Galicia para ofrecer unha actividade á altura do sector editorial e que, ao tempo, sexa segura tanto para os profesionais como para os visitantes. “A pandemia mudou o noso xeito de relacionarnos coa cultura, pero temos que seguir apostando por iniciativas que nos permitan achegarnos a ela dun xeito seguro”, salientou.

A cita do Porriño é a terceira parada do circuíto de Feiras do Libro de Galicia e a primeira que se celebra na provincia de Pontevedra. Esta nova edición, que conta co apoio da Xunta de Galicia, estará aberta ata o vindeiro domingo 30 de maio na rúa Ramón González en horario de mañá e tarde con excepción da xornada do xoves, que só será visitable entre ás 17,00 e as 21,00 horas.

10% de desconto en todos os libros

Ao longo destas xornadas os asistentes poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras e, ademais, contarán coa asistencia dunha quincena de autores como juáncho, que fará de pregoeiro, Victoria García, Ledicia Costas, Luz Darriba, Carlos Méixome ou María Reimóndez, entre outros, que estarán nos stands asinando exemplares. Así mesmo, contarán cun espazo propio as librarías Cortizas, Recondo, Pedreira e Paz.

Tras o seu paso por O Porriño, o circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 continuará percorrendo Galicia ata o mes de agosto pasando por Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última das citas terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.