A Xunta subliña o esforzo realizado na pandemia para garantir a seguridade e axudar ás vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os informes de violencia de xénero correspondentes a 2020, un ano no que a Xunta reforzou as medidas económicas e de protección ás vítimas

A Comunidade rexistrou tres asasinatos de mulleres en 2020, e está personada en dous deles xa que no 3º o agresor acabou coa súa vida

Galicia rexistrou en 2020 un descenso nas solicitudes e activación de ordes de protección e no número de denuncias (-8,61%)

As axudas económicas de apoio ás vítimas da violencia de xénero creceron en 2020 un 30% e acadaron a case mil mulleres

López Abella puxo en valor os recursos complementarios da Xunta para a inserción laboral das vítimas, a atención psicolóxica e o asesoramento xurídico

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, deu conta hoxe ante a Comisión 5ª do Parlamento de Galicia do Informe anual 2020 de violencia de xénero en Galicia, así como do Informe de violencias sexuais 2020 e das axudas económicas periódicas a vítimas da violencia de xénero nunha anualidade que, tal e como subliñou, veu marcada pola covid-19 e polo esforzo da Xunta para manter en condicións de seguridade e apoiar as necesidades das mulleres vítimas de violencia de xénero e os menores delas dependentes.

López Abella iniciou a súa comparecencia lamentando o asasinato de tres mulleres o ano pasado en Galicia por mor desta lacra, dúas na provincia de Lugo e unha terceira en Gondomar, Pontevedra. Tal e como lembrou en ningún dos casos había denuncia previa nin orde de protección. “A Xunta está personada como acusación en dous dos tres casos, non no de A Pastoriza, por suicidio do agresor”, especificou.

A secretaria xeral enumerou as cifras que en Galicia, en consonancia co ocorrido no eido estatal, evidenciaron en 2020 un descenso nas solicitudes de orde de protección (pasaron de 2.022 en 2019 a 2.009 en 2020), na adopción das mesmas (1.291 en 2020, o 64% das pedidas) e tamén no número de denuncias que se situaron nas 6.078, un 8,61% menos que o ano precedente (no Estado baixaron o 8,97%).

Neste sentido Galicia implantou 103 dispositivos telemáticos de alarma no marco das medidas de afastamento das vítimas, 46 máis que en 2019. O sistema de seguimento integral da violencia de xénero, Viogen -froito dun convenio entre a Xunta e o Ministerio del Interior- rexistrou 3.761 casos activos en Galicia, 63 máis que en 2019.

Gran parte das iniciativas desenvolvidas pola Xunta tiveron por obxecto manter e reforzar servizos de protección, vixilancia e atención as necesidades das mulleres, máis especificamente das vítimas da violencia de xénero. López Abella mencionou a campaña Seguimos en alerta fronte á violencia de xénero para transmitir ás afectadas que os servizos públicos de apoio seguían operativos as 24 horas durante o confinamento e a vulnerabilidade das mulleres pola permanencia máis tempo na casa. Tamén subliñou unha iniciativa pioneira de alerta por medio das oficinas de farmacia, ás que as mulleres podían acudir durante o estado de alarma e pedir axuda mediante un código de seguridade que as puña en contacto cos corpos de seguridade.

Medidas de carácter económico

A secretaria xeral da Igualdade destacou que a Xunta pon a dispor das vítimas e as súas familias un amplo abanico de servizos como poden ser a axuda psicolóxica gratuíta, o asesoramento xurídico, os programas para a contratación, os centros de acollida ou as indemnizacións directas.

Precisamente as axudas económicas medraron en 2020 cerca do 30%, ata acadar a case mil mulleres. Foron en concreto 996 as concedidas nas distintas liñas de apoio existentes. Así, 639 vítimas resultaron beneficiarias das axudas mensuais, case un 11% máis que no ano anterior. Estes pagamentos periódicos individuais -con contías que van dos 200 aos 800 euros en función dos ingresos e as circunstancias familiares- sitúan a Galicia como punta de lanza no apoio á independencia económica das vítimas, ao ser a única comunidade que as ofrece.

Concedéronse ademais pagamentos únicos a 341 mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta liña ten por obxectivo apoiar ás mulleres con especiais dificultades para a busca de emprego cun importe máximo, en función das súas condicións, equivalente a 24 meses do subsidio por desemprego vixente (en 2020, 430 euros mensuais) nunha soa achega.

Outras 11 mulleres recibiron as axudas que garanten a percepción das indemnizacións que lles correspondan por sentencia xudicial e outras cinco recaeron en mulleres que resultaron feridas de gravidade por mor das agresións e/ou nos fillos e fillas orfos por mor desta lacra. Cada unha destas axudas ascende a 7.000 euros.

Inserción de mulleres

López Abella incidiu tamén nas medidas de apoio ao emprego das mulleres vítimas da violencia de xénero. Lembrou que a Xunta concedeu a 11 beneficiarias as certificacións acreditativas que dan acceso preferente a programas para mellorar o acceso ao mercado laboral.

O programa de inserción laboral a través de entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mulleres que sufriron violencia de xénero (convocatoria 2019-2020), permitiu axudar por outra banda a 328 mulleres, das que 66 lograron unha inserción laboral plena.

Tamén o Goberno galego fomenta a contratación de mulleres por entidades locais: foron 90 en 2020 nun total de 49 concellos.

A Xunta conta, a maiores, con outras ferramentas de apoio ás vítimas de violencia de xénero, que veñen de incrementar o seu uso en 2020. Foi o caso do Teléfono de Información a Muller que nos doce meses recibiu 3.336 consultas (un 14% máis que en 2019) ou o recurso de asesoramento xurídico en liña que con 47 actuacións viu incrementada a súa actividade nun 4%.

No ano 2020, producíronse, por outra banda, un total de 13.235 consultas específicas en materia de violencia de xénero nos 82 Centros de Información á Muller que a Xunta de Galicia pon a dispor da poboación. En total foron 3.000 consultas máis as realizadas en comparación co ano 2019, o que da conta da boa reputación e a confianza nos mesmos.

En canto ao servizo de atención psicolóxica para mulleres vítimas e os seus fillos e fillas, atendeu en 2020 a 913 persoas (625 mulleres, 243 menores e 45 dependentes). O programa Abramos el círculo que ofrece axuda a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella, permitiu traballar con 108 homes no período.

Imaxes relacionadas