Lete Lasa anuncia que o Plan de Patrocinio de Equipos de Alta Competición de Galicia da tempada 2021/2022 acadará o seu máximo histórico con 3,9 millóns de euros

En total, desde a primeira edición do plan no curso 2009/2010, os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 33 millóns de euros

Santiago, 27 de maio de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo no serán de hoxe unha xuntanza cos representantes dos equipos apoiados ao abeiro do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia 2021 da Fundación Deporte Galego. Entre outros asuntos, o mandatario galego anunciou os pasos que deben seguir os clubs para obter os patrocinios así como os prazos administrativos das mesmas e futuras xustificacións.

En total, como avanzou o presidente da Xunta de Galicia o pasado martes no acto celebrado na Cidade da Cultura, nesta nova edición do plan serán 238 os equipos patrocinados, sendo 129 deles masculinos, 102 femininos e 7 mixtos, e contará cun financiamento de 3,15 millóns de euros (3.146.000 euros).

José Ramón Lete Lasa agradeceu a colaboración neste plan da Axencia Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio polo que entre este exercicio e o 2022, financiará o Plan de Patrocinio así como a organización de eventos deportivos de ámbito nacional e internacional cunha achega de 2,5 millóns de euros. Do mesmo xeito, subliñou a importancia da cooperación con ABANCA, que en plena pandemia garantiu o seu apoio ata 2024 cunha aposta de 10 millóns de euros desde o ano 2015, primeiro ano no que entrou a formar parte do plan.

Con todos estes antecedentes, Lete Lasa anunciou que o da tempada 2021/2022 será un Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia moi especial xa que chegarase a súa máxima cantidade anual cunha achega, sumada entre a Secretaría Xeral para o Deporte, a Axencia Turismo de Galicia e ABANCA dun total de preto de 3,9 millóns de euros (3.872.000 euros).

Imaxes relacionadas