O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participaron hoxe nunha reunión co Ministerio de Transportes para abordar os Fondos Next Generation

A Xunta lamenta que o Goberno de España ignore as necesidades do rural na asignación de fondos europeos para proxectos de mobilidade sostible

Coa información trasladada polo Ministerio de Transportes, a Galicia correspóndelle xestionar o 6,25% dos fondos destinados ás comunidades autónomas

Galicia disporá unicamente de 51 millóns de euros para a intermodalidade, as sendas peonís e ciclistas e carrís VAO

A Consellería de Infraestruturas considera negativo que se exclúa o acondicionamento de estradas que conectan coas terminais ferroviarias, como o caso da OU-533 que une Valdeorras coa estación ‘Porta de Galicia’ na Gudiña

Transmite ao Goberno de España a necesidade de transparencia e que se coñezan as actuacións que se acometerán pola súa parte en Galicia para poder xerar sinerxías coas actuacións autonómicas

A Xunta presentou 10 programas ou conxuntos de proxectos para o fomento da mobilidade sostible, con 2.300 empregos asociados

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

A Xunta lamenta que o Goberno de España ignore as necesidades do rural na asignación de fondos europeos do Plan de Recuperación para proxectos de mobilidade sostible e centre os esforzos unicamente nas cidades.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participaron hoxe, por videoconferencia, nunha reunión con representantes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para abordar a asignación dos fondos Next Generation.

O Goberno galego vén defendendo que o reparto de fondos, para ser xusto, equitativo e eficaz, debe atender á diversidade territorial e, en concreto, ás peculiaridades de Galicia, un territorio cunha gran dispersión e envellecemento poboacional.

Cómpre lembrar que a Xunta presentou en xaneiro 10 programas ou conxuntos de proxectos para investir no fomento da mobilidade sostible, con 2.300 postos de traballo asociados. A este respecto, a Xunta trasladou a súa inquedanza pola pouca marxe de actuación ás comunidades que deixa o reparto previsto de fondos.

Coa información trasladada na reunión de hoxe polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Galicia correspóndelle xestionar o 6,25% dos fondos destinados ás comunidades autónomas. Galicia disporá unicamente de 51 millóns de euros para a intermodalidade, as sendas peonís e ciclistas e carrís VAO.

No que se refire, en concreto, ás infraestruturas viarias, Francisco Menéndez puxo de manifesto que para Galicia é estratéxica a mellora da accesibilidade das estradas coa fin de reforzar a actividade económica e o acceso aos servizos públicos.

Lembrou que a densidade da rede de estradas de Galicia é de case o dobre que en España, con 641 km de vías por cada 100.000 habitantes fronte aos 360 km estatais, polo que os criterios de reparto dos fondos deben considerar esta peculiaridade, e non só a poboación.

En relación ao transporte, Ignacio Maestro reiterou que a estratexia estatal se centra na transformación e no fomento do transporte público e na mobilidade sostible nas cidades e ignora as necesidades do rural, predominantes en Galicia, ou cuestións como a mobilidade transfronteiriza, cando este sempre foi un eixe do investimento con fondo comunitario en Galicia.

A Consellería de Infraestruturas considera negativo que se exclúa o acondicionamento de estradas que conectan coas terminais ferroviarias, como o caso da OU-533 que une Valdeorras coa estación ‘Porta de Galicia’ na Gudiña.

A Xunta insistiu ante o Goberno de España na necesidade de transparencia e de que se coñezan as actuacións que se acometerán pola parte do Executivo central en Galicia, para poder xerar sinerxías coas actuacións autonómicas.

Imaxes relacionadas