A Xunta leva a aula gastronómica Galicia Calidade a Pontedume da man do cociñeiro Adrián Felípez

Ao redor de 20 alumnos e alumnas do IES Fraga do Eume participaron na ‘masterclass’ impartida polo cociñeiro de Carballo

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, salientou a excelente acollida que está a ter a acción de promoción entre os centros e alumnado dos ciclos de gastronomía e restauración
 

Pontedeume (A Coruña), 27 de maio de 2021

O cociñeiro e propietario do restaurante La Taberna de Miga da Coruña, Adrián Felípez, encargouse de impartir a ‘masterclass’ enmarcada no proxecto Aula Gastronómica Galicia Calidade co que a Xunta de Galicia pretende dar a coñecer os proxectos e produtos avalados pola marca entre os futuros profesionais da restauración galega. Nesta ocasión, foi o alumnado do IES Fraga do Eume de Pontedeume o que asistiu á elaboración dun menú de Adrián Felípez.

Durante a presentación da iniciativa, na que tamén colabora a Fundación Artesanía de Galicia achegando unha vaixela para o uso durante os talleres, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou a excelente acollida que está tendo a acción entre os diferentes centros nos que se está a realizar esta acción de promoción, así como “o interese que amosan os alumnos e alumnas por coñecer os produtos de marca Galicia Calidade”.

Nesta ocasión, Adrián Felípez realizou unha proposta gastronómica composta por berberechos de Noia, gazpachuelo de Junquillo, codium e aire de eucalipto; sardiñas, bora e pementos de Herbón; pescada de Celeiro ao seu pilpil con espárragos de mar e de terra e prensado de cacheira, crema de cocido e grelos. Os alumnos que participaron na ‘masterclass’ están a cursar 1º do ciclo superior de Dirección de Cociña.

Os produtos das empresas de Galicia Calidade que participaron nesta Aula Gastronómica foron berberechos e sardiñas de Luís Escurís Batalla; grelos de Conservas A Rosaleira; chourizos de Torre de Núñez; panceta de Sadepor; patacas de Patatas Conde; ovos de Granja Campomayor; pementos de Herbón da Pementeira; pescada de Puerto Celeiro e vinagre de mazá de Customdrinks.

Adrián Felípez é o dono do establecemento La Taberna de Miga, certificado por Galicia Calidade, e ubicado na Coruña, desde onde fai unha cociña de autor baseada nos produtos de quilómetro cero. O establecemento abriu as súas portas en febreiro de 2016 e está concebido polo restaurador galego como unha casa de xantar ou bistró de cociña galega. Neste proxecto, este chef natural de Carballo pon en práctica toda a formación gastronómica que recibiu tanto en Galicia como en Cataluña, actualizando a súa carta en base ao mercado e á temporalidade.

Traxectoria profesional

Adrián Felípez é un dos nomes da nova cociña española que maior interese espertou nos últimos anos, asociado sobre todo, con calidade e reinvención da tradición. A súa cociña de raíces galegas ofrece un novo nivel de excelencia no mercado gastronómico mediante a combinación de produtos do máximo nivel xunto á súa técnica na cociña.

Relator habitual en encontros gastronómicos internacionais como o Fórum Gastronómico de Barcelona ou o Salón de Gourmets de Madrid, desenvolveu a súa carreira xunto a grandes nomes da cociña como os irmáns Roca ou Albert Sastregener.

É un cociñeiro novo que chamou a atención da crítica española e internacional, o que lle permitiu recibir diferentes distincións e premios nos seus anos de profesional da cociña, o último, este mesmo ano: o recoñecemento Bib Gourmand da Guía Michelín, selo coñecido por ser a antesala da Estrela que ofrece a Guía. Tamén ostenta os galardóns Q de Calidade e Turismo e a Distinción Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas