A Xunta distribuirá en centros educativos o libro As visitas de Escle a mamá, impulsado pola asociación lucense de escleroses múltiple

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade adquire 200 exemplares desta publicación solidaria dirixida ao público infantil

Lugo, 27 de maio de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade distribuirá entre os centros educativos de Lugo o libro As visitas de Escle a mamá, un conto infantil escrito e ilustrado por mulleres con esclerose múltiple dentro do proxecto literario Emcreativo, escola de escritores, da Asociación Lucense de Esclerosis Múltiple (ALUCEM),

Representantes da entidade entregaron hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo os 200 exemplares adquiridos, nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias; o editor e traballador social da entidade, Alejandro Robledillo; María Varela, unha das autoras; a ilustradora, Estefanía Fernández, e a presidenta de ALUCEM, Rachel Yasmin Feliciano, entre outros.

O libro achega aos nenos e nenas á realidade desta enfermidade a través da historia de Juan, que imaxina a doenza como unha pequena diaña que insistentemente visita á súa nai, polo que idea mil formas de impedir esas visitas.

A temática principal é o cambio de vida que supón para un menor que se diagnostique unha enfermidade discapacitante a alguén da súa contorna que asume funcións de coidador, se ben, segundo indican os autores, “pode enfocarse dende a universalidade”, unha metáfora sobre como unha situación sobrevida pode impedir ás persoas que exercen funcións parentais acompañar aos menores nas súas rutinas e como asumir esa frustración.

O conto pode adquirirse na páxina web de Alejandro Robledillo, en galego ou castelán, e os beneficios dónanse a ALUCEM e a outras entidades de esclerosis múltiple que poden seleccionarse no momento de realizar a compra.

Durante os tres anos de vida do proxecto Emcreativo, os alumnos e alumnas lograron 76 galardóns literarios tanto a nivel nacional como internacional. O proxecto en si mesmo gañou o premio Veleo da farmacéutica SanofyRes, o cal o posiciona como un dos mellores proxectos a nivel nacional sobre a enfermidade. Do seu seo naceron un total de tres novelas -Boticaria de pobo, A marcha de Anxo, Madrid 2043- e este conto infantil.
 

Imaxes relacionadas