O IES de Ames recibe o premio do concurso-exposición Letras Galegas 2021 polo proxecto 'Abecedáriome'

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, entregárono hoxe nun acto no que participaron o alumnado e o profesorado autores do traballo gañador

Ames (A Coruña), 27 de maio de 2021

O IES Plurilingüe de Ames (A Coruña) fíxose este ano co galardón do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021 na modalidade de ESO, BAC, FP e ensinanzas de réxime especial convocado pola Xunta de Galicia arredor da figura, vida e obra de Xela Arias. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, fixeron entrega do premio no centro amiense, nun acto no que participaron o alumnado e o profesorado que elaboraron o traballo gañador, Abecedáriome.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitounos pola proposta “orixinal e moi coidada” que aborda “as diferentes facetas da autora anfitrioa deste 17 de maio, desde a de escritora ata a de docente, pasando pola de editora, tradutora e activista cultural e social sempre comprometida coa lingua e coa cultura de noso”. Canda eles, participaron no acto o fotógrafo Xulio Gil, en representación da familia Arias Castaño; o alcalde, José Blas García; a vicepresidenta de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), e a directora do IES, M.ª Soledad Lestón.

Proposta didáctica sobresaínte

Abecedáriome é o título do proxecto didáctico co que este instituto se impuxo aos demais centros galegos participantes. Trátase dun xogo de 10 láminas acompañadas dunha proposta didáctica que destacan pola súa modernidade e pola acertada selección de información, amais de pola súa unidade, perfección técnica e calidade lingüística, para plasmar a vida, a obra e a época de Xela Arias.

O centro recibiu hoxe, de acordo coas bases do certame, un diploma acreditativo e un cheque por valor 2000 euros. A iniciativa conta tamén coa colaboración de Feiraco Lácteos, no marco das accións de responsabilidade social da cooperativa agrogandeira galega, que contribúe ao premio con lotes de produtos lácteos.

Dispoñibles no Portal da Lingua Galega

Tanto este traballo coma o do centro gañador na modalidade de educación infantil e primaria, da autoría do CEIP de Porto Cabeiro (Redondela, Pontevedra), están dispoñibles para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega.

Ambos os dous supoñen recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e, así mesmo, para o público dos concellos, bibliotecas e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas. Forman parte da programación institucional que a Xunta desenvolve para renderlle tributo a Xela Arias e facer partícipe a toda a sociedade galega desta celebración.

Imaxes relacionadas