A Xunta avanza nas obras de construción da nova senda peonil e ciclista na PO-551 entre Bagüín e Seixo, no concello de Marín, para tela rematada a comezos de 2022

O delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa María Ramallo supervisan a actuación, que comezou a finais de abril e na que se invisten preto de 700.000€

Construirase unha senda de 940 metros pola marxe dereita da estrada autonómica en formigón coloreado e mellorarase o acceso á praia de Aguete

Este itinerario súmase a outros en servizo neste municipio como o que conecta Vilaseca e Lapamán, tamén na PO-551, ou entre Coirados e Pardavila, na PO-313

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento de máis de 4,5 M€

Marín, 27 de maio de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar nas obras de construción da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-551 no treito entre os lugares de Bagüín e Seixo, no Concello de Marín, co obxectivo de tela rematada a comezos do vindeiro ano 2022.

Con motivo do primeiro mes de traballo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, achegáronse ata as obras para supervisar a marcha desta actuación, que suporá a creación dun novo percorrido para peóns e ciclistas con 940 metros de lonxitude e un investimento de preto de 700.000 euros, tendo en conta as expropiacións.

Segundo explicou o representante autonómico, esta nova senda discorrerá pola marxe dereita da estrada PO-551 e consiste na construción dun itinerario seguro en formigón coloreado que estará 3 centímetros por riba da calzada en todo o tramo agás nun pequeno espazo, de 45 metros de lonxitude, no que se instalará unha estrutura en voadizo. Todo o percorrido contará cunha anchura de alomenos 1,8 metros.

Así mesmo, a actuación completarase coa instalación dun paso de peóns con semáforo con pulsador, xusto nas inmediacións da parada de autobús, co acondicionamento da zona de aparcadoiro e a súa delimitación coas zonas de paso, coa reubicación do emprazamento dos contedores de recollida de lixo e coa mellora do acceso á praia de Aguete.

Respecto á vía de conexión con este areal, está previsto que se proceda á ampliación da plataforma da calzada coa fin de facilitar as manobras de condución, mellorar a mobilidade na zona e reforzar a seguridade viaria.

Este itinerario súmase a outros en servizo no concello de Marín, como o que conecta Vilaseca e Lapamán, executado nesta mesma estrada autonómica PO-551, ou o existente entre Coirados e Pardavila, na estrada PO-313, cun investimento da Xunta de 715.000 euros.

Esta senda de preto de 2 quilómetros, executada pola marxe esquerda da estrada, comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa variante de Marín.

“A Xunta de Galicia está a acometer un forte investimento en seguridade peonil e mellora das estradas cos distintos plans de sendas na contorna da área urbana de Pontevedra, con actuacións na capital provincial e nos municipios de Marín, Bueu e Poio, co obxectivo de ter unha rede de infraestruturas máis confortable e segura nunhas cidades e vilas con moita poboación e que ademais teñen unha mobilidade moi interconectada”, explicou o delegado territorial.

Todos estes itinerarios enmárcanse no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que recolle a execución de percorridos seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros. As actuacións son cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

Imaxes relacionadas