A conselleira de Política Social presentou esta mañá este proxecto aos xefes territoriais da Consellería nas catro provincias

Fabiola García destaca que o Plan de Choque en Dependencia suporá a axilización máis importante do sistema nos últimos 15 anos

Permitirá reducir á metade os impresos que deben cubrirse para solicitar a dependencia e, con iso, reducir tamén á metade os tempos de espera

Fusiona a solicitude do grao de dependencia e do PIA, isto é, a “receita” do servizo ou prestación que lle corresponde a cada persoa

Contempla unha prestación económica pública, alternativas ao servizo preferido, a creación de valoradores itinerantes e unha campaña didáctica sobre como facer a solicitude

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o Plan de Choque en Dependencia suporá a axilización máis importante do sistema nos últimos 15 anos. Así o manifestou durante a presentación deste proxecto, revisado onte polo Consello da Xunta, aos xefes territoriais deste departamento nas catro provincias galegas.

A conselleira apuntou que este plan permitirá reducir á metade os impresos que deben cubrirse para solicitar a dependencia e, con iso, reducir tamén á metade os tempos de espera. Unha situación que beneficiará a moitas persoas que “están máis tempo do debido esperando a completar este proceso”.

Entre as medidas deste plan atópanse a fusión da solicitude do grao de dependencia e do Programa Individual de Atención (PIA) (isto é, a “receita” do servizo ou prestación que lle corresponde a cada persoa). Así mesmo, o programa comportará unha prestación económica pública e incluirá alternativas ao servizo preferido para que, en caso de que a primeira opción do solicitante non conte con prazas dispoñibles nese momento, poida ter acceso ás seguintes opcións.

Axilizar o traballo dos profesionais

Por outra banda, o proxecto incluirá medidas para axilizar e facilitar o traballo dos profesionais públicos que valoran a dependencia, como crear novos centros de valoración; equipos de valoradores itinerantes, unha medida que xa se está a aplicar na provincia de Ourense; optimizar as rutas que seguen os valoradores a domicilio, que xa se está a probar na provincia de Lugo; mellorar o modelo de xestión de citas e poñer en marcha novos equipos de valoración.

Por último, tamén se contempla a creación dunha campaña didáctica para que os cidadáns conten cunha guía práctica sobre como realizar a solicitude de dependencia. Deste xeito, Fabiola García destacou que a nosa comunidade “daralle un impulso histórico a unha das patas do noso Estado do Benestar” ao conseguir reducir os tempos de espera, levar as axudas a máis galegos que o necesitan; e mellorar así a atención que estamos prestando ás persoas maiores.

Imaxes relacionadas