O Sergas publica a oferta de destinos do concurso de traslados de persoal estatutario do ano 2021 e as listas provisionais de admitidos neste proceso

Resultaron admitidos un total de 3.916 profesionais.

A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de enfermería con 1.696 solicitudes

Ofértanse un total de 6.121 prazas, das cales 4.654 corresponden a persoal sanitario
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a oferta de destinos e á relación provisional de admitidos e excluídos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2021, do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario.

O concurso de traslados aberto e permanente da a posibilidade ao persoal fixo de moverse anualmente a postos mais desexados, ben por motivos derivados da organización dos propios centros como por conciliación ou distancia dos seus domicilios.

Neste ciclo, resultaron admitidos un total de 3.916 profesionais, sendo a de persoal de enfermería, a categoría con maior número de aspirantes admitidos con 1.696 solicitudes. Ofértanse un total de 6.121 prazas de 78 categorías diferentes, das cales 4.654 corresponden a persoal sanitario.

 

CATEGORÍAS

Nº PRAZAS

LICENCIADO SANITARIO ATENCIÓN HOSPITALARIA, ADOS E «061»

811

LICENCIADO SANITARIO ATENCIÓN PRIMARIA

261

DIPLOMADO SANITARIO

2.098

SANITARIO FP

1.484

XESTIÓN E SERVIZOS

1.467

TOTAL XERAL

6.121

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Concurso de traslados. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

Coa publicación desta Resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día 28 de maio para que as persoas interesadas poidan corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á que tiveran dirixido a solicitude de participación no concurso.

Con esta Resolución tamén se abre un prazo de 15 días naturais (entre o 28 de maio e o 11 de xuño, ambos inclusive) para poder realizar as modificacións que se estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...). As modificacións que se realicen deben asinarse electronicamente con certificado dixital e non requirirán a entrega de ningunha documentación adicional. No suposto de realizar varias modificacións, sempre se tomará como válida a última presentada por rexistro electrónico.

Se o profesional non desexa realizar ningunha modificación na selección de destinos inicialmente efectuada, non terá que realizar ningunha actuación.

A oferta de destinos de este ano está dispoñible para a súa consulta polos profesionais participantes a través de Fides/expedient-e, no formulario de inscrición no proceso, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

As solicitudes de participación que, logo de finalizado o prazo anteriormente indicado, non conteñan a selección de, polo menos, un destino, non terán a consideración de solicitudes validamente presentadas e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.