O Sergas publica a relación provisional de admitidos na actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario e funcionario sanitario

O Diario Oficial de Galicia publica tamén os resultados de baremación deste mesmo proceso

Xeráronse un total de 6.128 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración

A categoría con maior número de solicitudes é a de grupo de xestión da función administrativa, con 1.099 inscricións

Resultan excluídas do proceso o 2,35% das solicitudes de participación

O 11,61% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos e ós resultados provisionais de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario. Estas categorías son as de enxeñeiro técnico, grupo de xestión da función administrativa, grupo técnico da función administrativa, técnico de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico superior en prevención de riscos laborais, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información.

Así mesmo, publícase a relación provisional de admitidos e excluídos e os resultados provisionais de baremación das listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais en postos de traballo de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, de 23 de outubro): clases de inspector médico, inspector farmacéutico, farmacéutico inspector de Saúde Pública, licenciado en Medicina e Cirurxía, licenciado en Farmacia, licenciado en Ciencias Químicas, licenciado en Ciencias Biolóxicas, licenciado en Psicoloxía, subinspector sanitario e ATS/DUE.

Xeráronse un total de 6.128 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración. A categoría con maior número de solicitudes é a de grupo de xestión da función administrativa, con 1.099 inscricións. Resultan excluídas do proceso o 2,35% das solicitudes de participación. O 11,61% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso

As listas provisionais de admitidos e excluídos, coa asignación da puntuación provisional e número de orde acadado, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, os aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) a súa posición relativa e o número de orde nas listas xeradas,así como de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún dos méritos presentados, dotando de total transparencia ao proceso de selección.

Na mesma resolución ábrese un prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao día da publicación, para que as persoas interesadas poidan formular as alegacións que estimen oportunas con relación á súa inadmisión e aos resultados obtidos na baremación provisional. A estimación ou desestimación, logo da súa análise e valoración, incluirase na resolución pola que se publiquen as listas definitivas, que determinará a data de entrada en vigor de tales listas.

Disporán do mesmo prazo as persoas que tendo presentado debidamente a solicitude non consten como admitidas nin excluídas.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas definitivas das seguintes categorías: facultativo especialista de área de Medicina do Traballo, facultativo especialista de área de Psicoloxía Clínica, farmacéutico de atención primaria, fisioterapeuta, logopeda, médico asistencial do 061, médico coordinador do 061, odontólogo de atención primaria, terapeuta ocupacional e traballador social.
 

Imaxes relacionadas