O DOG publica a modificación do acordo de reestruturación parcelaria da zona de Vilatuxe, no concello pontevedrés de Lalín

En virtude da modificación, cédeselle ao Concello de Lalín a titularidade de seis parcelas, para equipamentos colectivos ou outros fins de interese xeral

Esta reorganización territorial afecta a unha superficie total de 911 hectáreas

Os investimentos presupostados ata o momento na zona achéganse aos catro millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se dá publicidade á Resolución que modifica o Acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe, no concello pontevedrés de Lalín.

A modificación prodúcese ante a necesidade contemplada na normativa reguladora da concentración parcelaria de dispoñer de determinadas superficies para equipamentos colectivos ou outros fins de interese xeral. En concreto, o Concello de Lalín solicitou a titularidade de seis parcelas de masa común resultantes do proceso de reestruturación parcelaria da zona de Vilatuxe para fins didácticos e culturais, áreas de descanso e lecer, equipamentos dos veciños e para establecer distintas infraestruturas de augas (unha depuradora na parroquia de Vilatuxe e depósitos na zona dos Carballiños e no lugar de Barciela).

Unha vez tramitada esta solicitude, a Consellería do Medio Rural resolveu modificar o acordo da zona coa adxudicación destes predios ao Concello de Lalín para os fins solicitados. A cesión xa foi notificada ao consistorio e publícase hoxe no DOG para coñecemento de todos os interesados.

Cabe lembrar que neste proceso de reestruturación parcelaria reorganizáronse un total de 4.445 parcelas de 524 propietarios en 1.231 predios, nun proceso que supuxo o investimento de case catro millóns de euros por parte da Xunta.


Pódese consultar o anuncio no seguinte enlace:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210527/AnuncioG0426-100521-0005_gl.html