O Consello da Xunta aproba o PRUX do Parque Natural de Corrubedo que regulará os usos e conservación deste espazo cun investimento de 6,5 M€ na vindeira década

Será o quinto destes instrumentos de xestión que se adopta nos últimos anos, despois dos do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e os dos parques naturais da Serra da Enciña da Lastra, do Invernadeiro e de Monte Aloia

O obxectivo desta ferramenta é conservar a diversidade xeolóxica e biolóxica nos seus diferentes compoñentes e paisaxes, para asegurar as súas dinámicas naturais

O PRUX establece tres tipos de zonificación para as case 1.000 hectáreas do parque, reservando para a de uso xeral preto dun 6%

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

A O Consello da Xunta, tal e como avanzara a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aprobou hoxe o primeiro Plan reitor de usos e xestión (PRUX) do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, que regulará as actividades e a conservación deste espazo e que xa prevé un investimento de 6,5 millóns de euros durante a vindeira década.

Deste xeito, Corrubedo convértese no quinto parque natural galego que conta cun plan de xestión, seguindo a estela iniciada polo Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (2018), Serra da Enciña da Lastra (2019), O Invernadeiro (2019) e Monte Aloia (2020).

Os valores fundamentais desta ferramenta de uso e conservación, ademais da súa vixencia, son o reaxuste das unidades de zonificación, coa que avanzar tamén na unidade de referencia que se toma como referencia en toda a rede de parques naturais de Galicia; a inclusión dun programa de actuacións, baseado en catro ámbitos, con medidas e iniciativas; e un plan de emerxencias -o primeiro para este parque natural- para optimizar a utilidade de todos os recursos técnicos e humanos dispoñibles, para controlar de forma máis rápida a evolución dunha emerxencia e minimizar as consecuencias.

Con esta ferramenta, actualizarase a normativa que regula na actualidade, un Plan de ordenación de recursos naturais, e dáse cumprimento á Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, que recolle que os parques e reservas naturais deberán regularse cun plan reitor e fixar medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.

No caso de Corrubedo, o PRUX establece para as súas case 1.000 hectáreas tres zonificacións distintas, reservando unha superficie de preto dun 6% para uso xeral. O obxectivo é conservar a diversidade xeolóxica e biolóxica nos seus diferentes compoñentes (hábitats e especies), as paisaxes, así como aquelas compoñentes que contribúan á conservación e ao mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais da dinámica deste espazo.

Tres ámbitos de usos e conservación

Coa finalidade de facilitar a interpretación de xeito rápido e intuitivo, a zonificación proposta para este parque natural diferenza entre:

- Zona I de uso limitado (565,43 hectáreas). Está constituída por aquelas áreas que requiren dunha maior protección. Na mesma diferéncianse: unha área litoral, que inclúe a gran duna móbil e os outros hábitats dunares e costeiros, agás a praia; e unha área de lagoas e marismas, onde destacan as lagoas de Carregal e Vixán e os hábitats higrófilos que as envolven e as prolongacións dos mesmos na transición cara as áreas de cultivos.

Isto implica que o uso público queda restrinxido ás áreas designadas para paso, observación e fotografía e educación ambiental, e tamén serán autorizables os aproveitamentos dos recursos mariños e as labores tradicionais. Non obstante, quedan prohibidas as instalacións, construcións e obras non indispensables para a xestión do parque, o tránsito de animais domésticos (agás os cans de guía e rescate) ou a navegación recreativa, surf e variantes.

- Zona II de uso compatible (374 hectáreas. Inclúe as praias comprendidas entre o núcleo urbano de Corrubedo e punta Corbeiro, e as áreas de paisaxe agraria tradicional e cultivos forestais, nas que se localizan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou hábitats de especies de interese para a conservación.

As prohibicións que se estipulan nesta zona son a construción de edificios ou ampliación dos existentes; a plantación de especies forestais alóctonas e as talas a matarrasa de frondosas autóctonas; actividades deportivas, como windsurf, kitesurf e similares, polo que as probas e competicións deberán ser autorizadas polo parque; o emprego de maquinaria; e os acceso de animais -agás nos casos previstos na Zona I-.

Pola contra, estarán permitidas as actuacións de mantemento das construcións existentes nos núcleos rurais, os usos agrarios de carácter tradicional e o aproveitamento de recursos mariños.

- Zona III de uso xeral (56,82 hectáreas). Integrada polos terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividade antrópica elevada, como parcelas de uso residencial, equipamentos e infraestruturas de uso público, que se sitúan no límite interior do Parque.

Neste caso, naquelas zonas con clasificación de núcleo rural, as actuacións urbanísticas e de dotación de servizos estarán sometidas ás ordenanzas municipais, permitiranse os usos agrarios tradicionais e as tarefas de xestión de biomasa nas faixas primarias e secundarias.

En definitiva, o PRUX de Corrubedo analiza e sintetiza toda a normativa existente neste espazo físico para concentrala nun único documento, e clarifica todas as actuacións posibles e usos permitidos e autorizables para todos os axentes implicados no espazo natural, así como as prohibicións.

Singularidade do parque

O sistema dunar de Corrubedo é sen dúbida o símbolo identificativo deste parque natural, único en toda a xeografía e coa maior duna móbil de Galicia. Non obstante é o lugar de acubillo dun representación moi rica e variada tanto de flora coma de fauna.

Destaca a vexetación das praias e dos sistemas dunares, que albergan unhas 200 especies de fanerógamas (plantas con semilla), algunhas incluídas nos catálogos de plantas endémicas, raras ou ameazadas a nivel galego e outras cun valor florístico ou bioxeográfico singular.

Tamén é salientable a presenza de réptiles e anfíbios, como o sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e a abundancia de endemismos ibéricos: a saramaganta (Chioglossa lusitanica), o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) e a lagarta galega (Podarcis bocagei), así como o sapoconcho europeo (Emys orbicularis).

Así mesmo, Corrubedo é unha área de importancia para as aves, non só durante as migracións, senón tamén como zona de reprodución e invernada, pois acolle regularmente especies infrecuentes ou de distribución moi localizada. Destacan as poboacións nidificantes, en areais e dunas, de dúas especies de limícolas (que viven no limo ou no lodo) ameazadas en Galicia, como o alcaraván común (Burhinus oedicnemus) que ten aquí un dos seus poucos puntos de cría e o único situado actualmente na costa, e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).

No caso dos mamíferos, inventariáronse dúas especies de morcegos ameazadas: o morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum) e o morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros); e son frecuentes o raposo (Vulpes lutra), o teixo (Meles meles), o ourizo (Erinaceus europaeus), o esquío (Sciurus vulgaris) e o xabaril (Sus scrofa); así como a lontra (Lutra lutra), que mantén unha presenza común tanto na costa como nas lagoas.

Outro dos valores do Parque son as súas paisaxes, nas que se distinguen tres zonas diferenciadas: a paisaxe litoral, conformada polas praias, dunas, estuarios, marismas e lagoas, que acadan un gran desenvolvemento; a paisaxe agraria, sobre todo na parte interior do territorio, onde predominan os elementos propios, como as pequenas parcelas separadas por muros de pedra e sebes vexetais; e a paisaxe antropizada, presente na periferia e na que, partindo de núcleos rurais tradicionais, foron aparecendo asentamentos máis recentes e de carácter lineal, ligados á disposición das estradas, e que representan o proceso de transformación paisaxística máis importante do ámbito.

Catro eidos de actuación

O Plan reitor de usos e xestión tamén establece un programa de actuacións a desenvolver nos próximos dez anos para coñecer, manter e mellorar os valores naturais e os compoñentes ecolóxicos valiosos do parque natural.

Entre as accións a desenvolver destacan a conservación da biodiversidade, patrimonio cultural e paisaxe; estudos, seguimento e avaliación de fauna, flora, hábitats e outros; accións informativas, de divulgación e sinalización e de educación ambiental; e, por último, conservación e mellora da rede viaria e das instalacións, co mantemento de infraestruturas, vehículos e maquinaria.

Por último, cómpre salientar que para a elaboración do documento definitivo deste Plan, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural aceptou total ou parcialmente un 92% das achegas recibidas.

En definitiva, a aprobación do PRUX de Corrubedo enmárcase no proceso de actualización normativa que está a impulsar a Xunta en todos os parques naturais de Galicia, ao que se prevé que proximamente se sumen coa mesma ferramenta os dous que restan: Baixa Limia-Serra do Xurés —este ano— e Fragas do Eume —en 2022—.