A Xunta destaca os avances que a execución do Plan de Saúde Mental de Galicia supón para a poboación infanto-xuvenil da área de Vigo

García Comesaña dixo no Parlamento que o Executivo galego seguirá a traballar para que as infraestruturas comprometidas, coa súa dotación de persoal, como é o caso da unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de agudos de Vigo, sexan unha realidade

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe, no Parlamento de Galicia, dos avances na execución do Plan de Saúde Mental, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara referida á creación dunha unidade de desordes alimentarios na área sanitaria de Vigo.

García Comesaña lembrou que, fai unha semana, o Sergas publicou a licitación do proxecto da unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 70.000 euros. Unha vez que se conte co proxecto, licitarase a execución das obras, que están incluídas dentro da partida de 2,7 millóns de euros que os orzamentos da Xunta prevén este ano para as reformas previstas no hospital de Vigo.

Esta nova unidade, de máis de 600 m2, estará atendida por dous psiquiatras, un psicólogo, un terapeuta ocupacional, un celador, e un amplo equipo de enfermería especializada en saúde mental.

Tal e como remarcou o conselleiro, cando se teñen esgotadas todas as opcións de tratamento ambulatorio e faise necesario un tratamento específico cun elevado grao de especialización dos coidados e un ingreso hospitalario, contamos con este recurso que, polo momento, emprázase unicamente no Hospital de Santiago.

Prioridades

Segundo subliñou García Comesaña, a saúde mental é unha das prioridades nas que o Sergas centra os seus esforzos, por iso continúa a traballar en executar os compromisos do Plan de Saúde Mental, e en completar, neste ano, a contratación dos 120 profesionais comprometidos para os anos 2020 e 2021.

Outro dos obxectivos en saúde mental nos que o Sergas está a centrar os seus esforzos é en poñer en marcha novas unidades ambulatorias, como a de adultos que entrará a funcionar nas vindeiras semanas en Tui, ou a infanto-xuvenil que se porá en marcha no Hospital Nicolás Peña, unha vez remate o proceso de contratación de persoal. Ademais do hospital de día infanto-xuvenil en Vigo.

Para rematar a súa intervención, o máximo responsable sanitario incidiu en que a Xunta de Galicia seguirá dando os pasos necesarios para que as infraestruturas comprometidas, coa súa dotación de persoal correspondente, como é o caso da unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de agudos de Vigo, sexan unha realidade e melloren a atención que reciben os pacientes e as súas familias.