O conselleiro do Medio Rural respondeu unha pregunta no Parlamento sobre o leite

A Xunta organizará a vindeira semana dúas novas accións formativas para os gandeiros no marco da Estratexia do sector lácteo

José González anunciou que estes novos cursos, que terán lugar en Boqueixón e Ribadeo, faranse como consecuencia do éxito acadado na primeira convocatoria

Explicou que a formación é un dos principais eixos da Estratexia do lácteo, xunto co impulso ao asociacionismo ou o fomento da transformación do produto en Galicia

Sinalou que, dentro desta Estratexia, a Xunta ultima unha aplicación informática para permitir aos gandeiros realizar o cálculo de custos de produción, co fin de mellorar a súa posición negociadora na venda do leite

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe no Parlamento a realización, a semana que vén, de dúas novas accións formativas para os gandeiros no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Desenvolveranse, segundo avanzou, no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón, e na localidade luguesa de Ribadeo.

O conselleiro explicou, en resposta a unha pregunta sobre o sector leiteiro, que estes novos cursos programáronse tendo en conta o éxito da primeira convocatoria e que se enmarcan na devandita Estratexia, concretamente no eixo da formación, co fin de facilitar aos gandeiros capacitación empresarial. Todo isto porque, dixo José González, “os gandeiros tamén son empresarios e deben ser os mellores empresarios posibles”.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que a Xunta está a ultimar unha aplicación informática moi sinxela para permitir aos gandeiros realizar o cálculo de custos de produción, por rango de explotacións, para poder mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite coa industria. Avogou ademais porque esta ferramenta sirva para que os produtores poidan negociar, como mínimo, o custo de produción máis a marxe de beneficio que lles corresponde.

Transformación

Neste mesmo sentido, o conselleiro avogou por fomentar a transformación do leite en Galicia, algo que tamén contempla a Estratexia. Trátase de seguir aumentando a industrialización do leite na nosa comunidade, apostando pola diversificación do produto e a súa transformación, co obxecto de xerar valor engadido que reverta un beneficio directo para os gandeiros galegos, remarcou.

José González lembrou ademais que Galicia acada, cada mes, récords históricos de produción de leite e que non só ocupa o primeiro posto nacional neste eido senón que tamén se atopa entre as dez primeiras rexións leiteiras de Europa e reiterou o apoio decidido da Xunta a este sector estratéxico do rural galego.

Un apoio que se formaliza -sinalou González- con iniciativas como a recentemente aprobada Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá fornecer de máis base territorial ás explotacións que así a demanden. Tamén se referiu o conselleiro ao Plan de pastos de Galicia, que vai na mesma liña de facilitar maior base territorial, así como á próxima regulación e posta en marcha da marca de leite de pastoreo, que contribuirá a dar maior valor engadido ao produto galego, remarcou. Neste sentido, incidiu tamén na necesidade de valorizar o leite pola súa orixe, algo que está a facer a Xunta por medio da devandita Estratexia do sector ao abeiro da marca Galega 100%.

Por último, o conselleiro do Medio Rural apostou porque as gandarías galegas poidan entrar no accionariado das empresas de transformación do leite, para obter así unha mellora dos seus ingresos pola vía do reparto de dividendos, algo que -dixo- tamén está a fomentar a Xunta no marco da Estratexia de dinamización.

Imaxes relacionadas