A conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para responder unha pregunta oral sobre esta normativa

A Xunta de Galicia comezará o vindeiro trimestre a tramitación da reforma da Lei de inclusión social

O Goberno galego leva meses traballando nesta modificación normativa que conta coas achegas das entidades de loita contra a pobreza

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou esta tarde, durante a súa comparecencia no Parlamento para responder a unha pregunta oral, que a Xunta de Galicia comezará o vindeiro trimestre a tramitación da reforma da Lei de Inclusión Social, na que leva meses traballando e para a que conta coas achegas das entidades de loita contra a pobreza.

Fabiola García salientou que para sacar adiante esta modificación lexislativa “é imprescindible que a normativa do Ingreso Mínimo Vital á que nos imos adaptar sexa por fin estable”. Neste sentido, a conselleira recalcou que o Real Decreto-lei que regula o IMV xa foi cambiado media ducia de veces en menos dun ano de vida.

Así mesmo, recordou que a Xunta de Galicia advertiu en varias ocasións ao Goberno central que o deseño e as maneiras coas que se manexou a aprobación desta nova prestación non eran apropiadas. Así, explicou que se avisou de que a Seguridade Social non tiña a capacidade para xestionala e que habería grandes demoras. Tamén se alertou de que habería desaxustes entre o IMV e as rendas autonómicas e que habería solapamentos e duplicidades.

Por iso, Fabiola García subliñou que se solicitou ao Goberno central que tomase as medidas necesarias para evitalo. Lamenta que “o tempo deunos a razón pero, sinceramente, ter ou non a razón é o que menos nos importa, o que nos preocupa é resolver esta situación”.

Facilidades para devolver as duplicidades

Con respecto á solicitude de devolución ás persoas que cobraron a Risga e o IMV á vez, a conselleira de Política Social explicou que “legalmente non temos ningunha outra opción” que solicitarlle que normalice a súa situación. Para iso o Goberno galego concede diferentes facilidades: establecer unha ponte entre o Goberno central e as comunidades autónomas para compensar os pagamentos sen ter que molestar ás familias; darlles aos perceptores un prazo de 30 meses para devolver as contías e analizar unha condonación da débeda de ata 3400 euros paras familias especialmente vulnerables e con menores a cargo.

Imaxes relacionadas