Tres empresas optan a redactar o proxecto das próximas fases do Hospital da Mariña, continuando así as melloras nas infraestruturas hospitalarias da provincia de Lugo

Tan só na construción e equipamento do HULA, que este mes cumpre o seu décimo aniversario, investíronse preto de 26 millóns de euros

Nos últimos anos, dotouse a este hospital de Hemodinámica 24 horas ao día, ademais doutros servizos como Radioterapia, Medicina Nuclear e Electrofisioloxía Cardíaca, que evitaron desprazamentos aos lugueses fora da provincia

Desde marzo, están en marcha tamén obras de reforma e mellora no hospital comarcal de Monforte de Lemos, dentro dun Plan Director que chegará aos 15 millóns de euros

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe en sede parlamentaria sobre as melloras realizadas nas infraestruturas sanitarias da provincia de Lugo, así como nas prestacións, servizos e equipamento que levan aparelladas. Unhas melloras que redundan no coidado da saúde de todos os lugueses.

Comesaña lembrou que neste mes de maio cúmprese o décimo aniversario do HULA, que requiriu un investimento de 25,8 millóns. De xeito gradual, fóronse incrementando os servizos prestados neste centro. Dende 2014 funciona unha nova sala de hemodinámica que dende 2019 funciona as 24 horas do día, atendendo ese mesmo ano a uns 1.600 pacientes. No 2016 comezou o servizo Radioterapia, que no 2019 realizou 17.000 sesións, e Medicina Nuclear con mais de 1.800 probas tamén nese ano. En 2019, incorporouse unha sala de Electrofisioloxía Cardíaca e unha nova área de tratamento de Rehabilitación Cardíaca. Esta ampliación dos servizos supuxo unha importante mellora para os lugueses, que deste xeito puideron evitar desprazamentos a outros hospitais fora da provincia.

No pasado ano, o Sergas renovou e ampliou o hospital de día de onco-hematoloxía do HULA. Tamén dende 2020, o hospital conta cunha garda 24 horas de neuroloxía que permite atender en todo momento aos pacientes que acudan ao centro con síntomas de estar sufrindo un Ictus.

O conselleiro fixo fincapé, ademais, nos 6,1millóns de euros investidos en alta tecnoloxía dende 2009, así como nos traballos de humanización de espazos e na próxima incorporación dun equipo de tomografía de última xeración, un PET que se emprega fundamentalmente para o diagnóstico por imaxe da enfermidade oncolóxica e da patoloxía neurodexenerativa.

Hospitais comarcais de Monforte de Lemos e A Mariña

No transcurso da súa intervención, o conselleiro de Sanidade referiuse as melloras dos hospitais comarcais lugueses. En marzo iniciáronse as as obras de reforma do Hospital de día oncohematolóxico do comarcal de Monforte e do Hospital de día polivalente, ademais dos traballos de ampliación do Servizo de farmacia, que contan cun orzamento estimado de 1,4 millóns de euros e un prazo de execución de nove meses

Estas obras permitirán unha ampliación dos espazos no caso do Hospital de Día Oncolóxico e do Polivalente que permitirá incrementar os postos para tratamento. No caso concreto do Servizo de farmacia, hoxe mesmo saíu a licitación do equipamento, para poder contar con el unha vez rematen as obras e poder poñela a disposición dos profesionais e pacientes o antes posible.

Comesaña afirmou que tamén está avanzado o Plan Director, que prevé un investimento global de 15 millóns de euros e que suporá unha reforma integral do Hospital monfortino. Con este plan vanse reordenar, reformar e modernizar uns 10.000 metros cadrados e afectará á maioría dos servizos e áreas.

En canto ao Hospital da Mariña, o titular da carteira sanitaria galega, indicou que se continúa avanzando na mellora de todas as súas instalacións. Comesaña lembrou que xa están remataron as fases 0,1A e 1B coa execución dun novo edificio para consultas externas e de hospitalización, así como o novo aparcadoiro e a reforma do edificio existente.

O seguinte paso é executar as Fases II e III coa construción dun novo edificio anexo sin funcións asistenciais Tamén se reformarán diversas áreas do edificio existente, ampliarase a área de urxencias, reformarase a área de cirurxía maior ambulatoria, a URPA (unidade de recuperación postanestésica) e a unidade de críticos. O proxecto básico de execución e de dirección facultativa destas dúas fases atópase agora mesmo en licitación e xa rematou a fase de presentación de ofertas, á que se teñen presentado tres empresas.

O conselleiro de Sanidade pechou a súa intervención parlamentaria remarcando que a Xunta segue traballando na mellora das infraestruturas sanitarias na provincia e dos servizos e prestacións que levan aparellados, para abordar do mellor xeito posible as necesidades da poboación luguesa.

Imaxes relacionadas