A Xunta inviste 3,1 millóns de euros no equipamento das farmacias dos hospitais da rede sanitaria galega

Esta partida permitirá equipar os servizos de farmacia dos hospitais Naval de Ferrol, Valdeorras, Monforte e Santiago

O conselleiro de Sanidade apunta que está previsto poder empregar os sistemas robóticos Da Vinci desde o vindeiro mes de setembro
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta tarde na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, do investimento de 3’1 millóns de euros cos que a Xunta de Galicia vai equipar as áreas de farmacia dos hospitais Naval de Ferrol, Valdeorras, Monforte e Santiago.

O titular de Sanidade destacou que este contrato completará as obras de reforma e ampliación que se están a levar a cabo nestes hospitais, coa intención de mellorar as instalacións dos seus servizos de farmacia.

Durante a súa intervención, García Comesaña tamén enumerou o conxunto de melloras en equipamento tecnolóxico coas que se está a dotar aos centros sanitarios galegos, e nos que se investirán preto de 60 millóns euros.

Nesta liña, o conselleiro destacou o investimento de 28’9 millóns de euros cos que se actualizará o equipamento dos bloques cirúrxicos da rede hospitalaria galega. Así, remarcou que 20’5 millóns de euros desta partida terán como destino a adquisición de sete novos sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci. Un sistema que facilitará a abordaxe de diferentes patoloxías nas especialidades de uroloxía, cirurxía xeral, xinecoloxía, cirurxía torácica, cirurxía cardíaca, cirurxía pediátrica e otorrinolaringoloxía.

Mediante estes robots, o sistema sanitario público galego poderá optimizar a xestión dos seus recursos, ao permitir reducir o número de transfusións de sangue precisas nas intervencións, ademais de diminuír a estadía media dos pacientes nos hospitais. Así mesmo, os profesionais sanitarios gozarán dunha maior precisión nos seus movementos e poderán acceder a zonas complexas, co que tamén se reducirá o tempo das operacións.

“A previsión é que poidamos contar cos Da Vinci no mes de setembro” apuntou conselleiro, polo que no último trimestre do ano xa se poderían empregar nas intervencións programadas. “Este é un salto cualitativo na Asistencia sanitaria galega, que acredita a aposta tecnolóxica que está realizando o Sergas e que permitirá que Galicia continúe na vangarda sanitaria do noso país”.

O responsable do departamento sanitario da Xunta tamén salientou a adxudicación, esta mesma semana, de 37 novos equipos radiocirúrxicos, cuxa licitación ascende até os 4’3 millóns de euros. Ademais, incidiu na inversión de 28’6 millóns de euros, destinados á adquisición de equipos de alta tecnoloxía de diagnose.

Abundando sobre os últimos avances tecnolóxicos que se incorporaron ao Servizo Galego de Saúde, García Comesaña lembrou o investimento de 2’4 millóns de euros para incorporar do sistema HIFU no Hospital Clínico de Santiago. Unha tecnoloxía pioneira en toda España que permite abordar os tremores esenciais sen pasar polo quirófano. Desde a súa recente incorporación, o sistema sanitario galego xa atendeu a sete pacientes con este tipo de doenzas.

O Goberno galego cumpre así cun mandato parlamentario do pasado novembro, no que a Cámara instou á Xunta de Galicia a desenvolver un procedemento integral de mellora tecnolóxica dos equipos de diagnóstico e dos bloques cirúrxicos, destinados á adquisición de tecnoloxía punteira de diagnóstico por imaxe e ecografía, así como á instalación de quirófanos intelixentes e robots cirúrxicos que faciliten a realización de técnicas cirúrxicas menos invasivas e de maior precisión.

O conselleiro pechou a súa intervención remarcando que “mantemos o noso compromiso de renovación do equipamento, apostando porque Galicia conte cos mellores recursos tecnolóxicos dispoñibles para o tratamento das doenzas de todos os galegos e que os nosos profesionais conten cos mellores recursos para poder facelo”.

Imaxes relacionadas