Feijóo anuncia a ampliación dos máximos permitidos para reunións de non conviventes, que serán de 6 en interiores e 10 en exteriores

Avanza as novas medidas acordadas polo comité clínico que entrarán en vigor o vindeiro sábado

Destaca o incremento do aforo nos establecementos comerciais, reunións profesionais, actividades culturais ou académicas pasando do 50 ao 75% cando sexa compatible co mantemento dunha distancia de 1,5 m nos niveis medio e medio baixo

Subliña que naqueles centros situados en concellos en nivel medio e medio-baixo, os residentes poderán saír do centro todos os días, manténdose a duración máxima de catro horas

“Un de cada catro galegos susceptible de vacinar xa está inmunizado a día de hoxe”, di

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello as novas medidas que entrarán vigor o vindeiro sábado, tras a reunión onte do comité clínico, e que hoxe mesmo serán enviadas ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a súa validación.

Así, nun primeiro termo destacou que os concellos de Mos, A Pobra do Caramiñal e Lobios quedarán en nivel máximo de restricións e, polo tanto, estarán pechados perimetralmente, a hostalería permanecerá pechada e non estarán permitidas as reunións de non conviventes.

En nivel alto estarán os concellos de Ordes, Ribeira, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro. E, en nivel medio situaranse os concellos de O Barco de Valdeorras, Boiro, Rianxo, Cervo, Xove, Vilalba, Monforte, Moaña, Ponteareas, Cambados e Bueu.

No tocante aos avances na apertura, o presidente da Xunta anunciou que se ampliarán os máximos permitidos para reunións de non conviventes: de 4 a 6 en interiores e de 6 a 10 para as reunións en exteriores. Se ben, manterase a imposibilidade de reunirse con non conviventes entre a 1 e as 6 horas da madrugada.

Así mesmo, precisou que se incrementará o aforo nos establecementos comerciais, reunións profesionais, actividades culturais ou académicas pasando do 50 ao 75% cando sexa compatible co mantemento dunha distancia de 1,5 metros nos niveis medio e medio baixo.

En relación ás residencias da terceira idade, subliñou que naqueles centros situados en concellos en nivel medio e medio-baixo, os residentes poderán saír do centro todos os días, manténdose a duración máxima de catro horas. E aqueles traballadores que completasen a segunda dose da vacina hai sete ou máis días non terán que encher a enquisa epidemiolóxica que tiñan que facer cada día antes de empezar a súa quenda.

En paralelo a este proceso de apertura, Feijóo aseverou que Galicia continúa tamén co proceso de vacinación. Así, máis de 1.153.000 galegos teñen unha dose e máis de 612.000 están xa inmunizados coa pauta completa, o que representa case o 26% do total da poboación diana (maiores de 16 anos). “Un de cada catro galegos xa está inmunizado na súa totalidade”, precisou.
 

Imaxes relacionadas