A Xunta aproba o Pladiga 2021 que contará con catro novas brigadas helitransportadas, cunha unidade de investigación de lumes e con máis cámaras de vixilancia ata cubrir preto do 70% do territorio

Feijóo salienta que se disporá dun operativo composto por: 7.000 persoas; 378 vehículos motobomba e modernizarase o parque móbil do Servizo autonómico, coa compra de 6 motobombas

Incide en que o Pladiga ten unha tripla función: “protexer ás persoas, protexer as súas facendas e protexer o patrimonio verde de Galicia”
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do Pladiga 2021 que contará con catro novas brigadas helitransportadas, cunha unidade de investigación de incendios e coa ampliación da rede de vixilancia de cámaras, que permitirá cubrir ao redor do 70% do territorio.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o plan incorpora dous novos helicópteros lixeiros, o que implica o despregue de catro novas brigadas helitransportadas. Deste xeito, a Comunidade disporá en tempada alta de arredor de 30 medios aéreos.

No tocante á creación dunha Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), Feijóo informou de que estará formada por 15 membros da Escala de Axentes Ambientais a tempo completo, con capacidade para investigar “un maior número de lumes; unha maior focalización nas zonas de alto risco; e cunha especialización para a tramitación administrativa e xudicial das denuncias”, aseverou.

Así mesmo, destacou a ampliación da rede de vixilancia de cámaras con 22 dispositivos máis, o que permitirá cubrir ao redor do 70% do territorio, 10 puntos máis que ata agora. “Son 142 cámaras localizadas en 71 puntos estratéxicos nas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria e zonas de Alto Risco”, abundou, precisando que o Pladiga 2021 inclúe 35 Parroquias de Alta Actividade Incendiaria -todas elas en 25 concellos-, 7 máis que o ano pasado.

Segundo destacou o presidente da Xunta, o documento recolle tamén novas funcionalidades para o cálculo de custos de extinción, co fin de facilitar a reclamación dos gastos nos procesos xudiciais contra incendiarios.

Ademais, o persoal que intervén nun incendio disporá de información en tempo real para facilitar o seu traballo, como o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, meteoroloxía ou descargas dos medios aéreos.

Sobre os medios humanos e materiais, Feijóo salientou que se disporá dun operativo composto por: 7.000 persoas; 378 vehículos motobomba -19 máis que na tempada anterior-; e modernizarase o parque móbil do Servizo autonómico, coa compra de 6 motobombas e a renovación doutros vehículos. “Levamos investidos en novas motobombas máis de 20 millóns de euros nos últimos anos”, abundou.

No tocante á prevención e á formación, Feijóo lembrou que a Xunta conta cun plan de prevención dotado con arredor de 30 millóns de euros que inclúe actuacións sobre máis de 58.000 hectáreas de superficie, 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e en 4.000 puntos de auga -con labores de mantemento e 222 puntos novos-.

“En materia de formación, impartiremos 230.000 horas lectivas a 3.000 traballadores do servizo e comezaremos a dar formación a concellos e cidadáns que viven en Parroquias de Alta Actividade Incendiaria”, avanzou.

Como parte da estratexia contra os incendios forestais, Feijóo referiuse tamén ao novo Centro Integral para a loita contra o lume en Toén (Ourense), que funcionará como un Campus Forestal con especialistas na materia; e á creación no sur da provincia ourensá dunha nova base de medios aéreos por máis de 9 M€.

Feijóo incidiu en que o Pladiga ten unha tripla función: “protexer ás persoas, protexer as súas facendas e protexer o patrimonio verde de Galicia”.
 

Imaxes relacionadas