A Xunta reclama ao Goberno central que cumpra o seu compromiso e apoie cun investimento claro o Xacobeo 21-22

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou hoxe no Parlamento galego que o Ministerio de Turismo só anunciou o Plan Nacional do Xacobeo, sen concretar orzamento nin actuacións

Destacou que a Xunta investiu 105M€ no Plan Estratéxico do Xacobeo para garantir a seguridade de turistas e peregrinos, mellorar e embelecer as rutas e infraestruturas do Camiño, ademais da programación do evento e a súa promoción
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou hoxe no Parlamento galego ao Goberno central que cumpra o seu compromiso para implicarse co Xacobeo 21-22 xa que, ata o de agora, ese apoio aínda non se materializou con orzamentos claros desde que o secretario de Turismo, Fernando Valdés, garantira o pasado marzo definir as aportacións antes do verán. Lembrou que o Ministerio de Turismo só anunciou un Plan Nacional do Xacobeo sen detalles orzamentarios nin da partida específica para Galicia e que a ministra Reyes Maroto tampouco respondeu á invitación feita pola Xunta hai dous meses para presentar o Plan en Galicia.

Na súa intervención, Alfonso Rueda tamén recordou que o Parlamento de Galicia xa reclamara o pasado 23 de decembro un compromiso real do Goberno central con partidas concretas para colaborar na organización do Xacobeo.

Por iso, incidiu na necesidade de que este Ano Santo Dobre que se estenderá ata 2022 ten que ser considerado polo Estado, cando menos nas mesmas condicións que eventos doutras comunidades que si contan con financiación estatal. Por tratarse -asegurou- dun evento recoñecido a nivel internacional que suporá unha oportunidade histórica para recuperar o turismo e a economía de Galicia e que, ao mesmo tempo, beneficiará tanto a Galicia como ao resto das comunidades polo que pasa o Camiño e a marca España.

Durante a comparecencia, o vicepresidente primeiro indicou que o Goberno galego investiu 105 millóns de euros no marco do Plan Estratéxico Xacobeo e, só neste ano investirá 85,8 millóns, un orzamento que destinará a promover Galicia como un destino seguro cun Camiño seguro garantindo a seguridade de peregrinos e turistas, á promoción do evento co obxectivo de relanzar o sector turístico é á súa programación, que se está a adaptar á situación sanitaria derivada da covid-19.

Entre os investimentos do Plan Estratéxico Xacobeo destaca o acondicionamento das rutas a través dos 15,6 millóns de euros do Plan de Mantemento dos Camiños ou os 3,7 millóns para a mellora paisaxística e embelecemento da súa contorna mediante dúas ordes de axudas e convenios cos concellos ou a Fundación Juana de Vega. Ademais, destináronse máis de 7 millóns de euros na reforma dos albergues públicos e na posta en marcha doutros 7 novos para que a rede pública pase a contar neste Xacobeo con 78 albergues.

Nestas melloras nos camiños inclúese ademais máis de 6 millóns de euros á sinalización de distintas rutas xacobeas, salvo no caso do paso do Camiño Portugués por Vigo, debido a que, como lembrou Alfonso Rueda, o tramo deste trazado na cidade viguesa é o único sen sinais oficiais por non contar con autorización do concello.

Os peregrinos atoparán ademais na entrada á cidade de Santiago un Monte do Gozo renovado que no período de 2019 a 2021 supuxo un investimento de 5,2 millóns e que, en total, desde 2016 que comezou o Plan de Revitalización do complexo ascende a máis de 7,7 millóns.

Por outra parte, a Xunta traballa nun Plan Estratéxico da Década Xacobea, que ten como obxectivo seguir a mellorar as cifras do sector turístico aproveitando todo o potencial desta celebración durante un prazo máis amplo, tendo en conta que neste período haberá outros dous Anos Santos.

Tamén sinalou que o Xacobeo 21-22 foi o produto estrela no stand de Galicia na 41 Feira Internacional de Turismo (Fitur) da semana pasada, o que máis actividade rexistrou e maior interese espertou nos operadores presentes, que buscan destinos como Galicia para ofrecer a clientes que priorizan a seguridade e un turismo tranquilo.
 

Imaxes relacionadas